Opinión

FESTA DO AMOR

Namoradiño de todo anda o esquío da súa esquía. Lévalle unha noz ferreña -as que máis lle gustan a ela- para selar o compromiso. O parrulo -por fin- convidou a un paseo polo río Barbaña á súa linda parruliña. A anduriña e a lavandeira andan preparándoo todo para que o día de pedida da súa amiga a pega, sexa todo un éxito. A Lúa dixo que deixará por un intre de alumear para agasallar a todos coa media luz romántica e propicia para conseguir un feixe de bicos roubados. Don Moucho vai ler o regramento para que todos aproveiten a maxia do día de San Valentín. 'Quen roube máis bicos será o gañador; quen non se bique con ninguén, será expulsado de inmediato da Fraga da Ilusión. Porque quen non sabe bicar non é digno de vivir aquí', dixo con voz moi grave. Dona Curuxa cantará no concerto nocturno en honor ós casamenteiros. E daráselle palliñas secas de balde (por fin conseguiuse a subvención!) a aqueles que vaian ser pais na primavera. Teceranse cortinas de hedras nas portas e ventás de quen gañe o concurso de namorar facendo uso das artes dos silencios e das rimas. Será o seductor reiseñor quen, un ano máis, conquiste o doce corazón das súas amantes?


Pero? que fago eu aquí perdendo o tempo! Se estou convidada á festa e aínda teño que tecer o traxe da Ninfa da Auga cos seus encaixes brancos para que destaque, maxestuosa, na alfombra vermella da Gala do Gran Amor!

Te puede interesar