Opinión

FIN DE CURSO

Ainfancia nas súas diferentes idades ía pasando ante os ollos emocionados dos pais. O noso corazón latía ó ritmo daqueles corpos que tivemos un día dentro do noso ser. Fillos. Que nos recordades a aquel neno que tamén fomos naquela época de rosas e primavera. Danzaban adornados de cores brillantes e roupas vaporosas, co garbo e delicadeza da fresca fonte que mana esa enerxía incansable e transparente. Un ano máis o Colexio Concepción Arenal obsequiábamos co seu espectáculo no Auditorio no que os profesores -fieis defensores das artes? e os alumnos engalanábanse para celebrar o remate do curso escolar. A moralexa: traballo en equipo, colaboración, apoio e sensibilidade con quen é diferente e, en todo, alegría de vivir.


O broche final foi a obra dos profes -saladísimos e entusiastas- (observados con admiración polos seus alumnos) coa que nos confirman que non só son compañeiros de escenario senon que superaron outro curso estando unidos e cohesionados, mellorando e motivándose mutuamente, sendo conscientes da gran entrega que require a profesión de mestre. Saben ben que ademáis de transmitir coñecementos e motivación ante o saber, están sendo faros, guías, modelos, espellos nos que se miran os nosos cativos, a quen imitan nos xestos, na expresión e na filosofía de vida que se expande pola clase? O teatro era o reflexo do mundo: uns actúan, brillan e lucen, outros, que o prepararon todo, permanecen na sombra e apenas lle vemos a silueta. Entre os que observan uns recordan, outros choran, algúns sorrín pero todos soñan. Fin de curso outra vez.


Xa pasou, pero todos estamos aquí esperanzados e cheos de ilusión porque o fixemos ben. Péchase o telón e o silencio apodérase da sala. 'Que fermosa profesión!' parece pensar aquel docente de profunda vocación ó que lle estralan os ollos en luz. A nostalxia mollounos a mirada a todos, e a música co seu dardo de amor dourado atravesando os tempos e as emocións, acariciou a nosa alma infantil e fíxonos tremer ó son daquela canción de neve e azahar. 'Yesterday?'

Te puede interesar