Opinión

Libros 2015

Libros que me fixeron durmir cando era nena. O lobo no monte, a nena que recolle flores de cores, o cazador valente, mentres a man delicada da mamá me tapa coa mantiña, abrigándome. Final feliz. Sono apacible.

Libros que me fixeron voar tan namorada, meu Bécquer, miña Rosalía. Canto me gusta recitar e sentir a liberdade da “Canción do pirata” de Espronceda! Versos románticos lanzando amor .

Libros que me debuxaban o me facían soñar co meu “Principiño”. Libros que analizaban a vida e a morte e ensinaban a cuestionalo todo, saber crear opinión propia, criterios, valores que non os levara o vento e me definiran… Sabios filósofos preguntándolle o porqué a todo (terei resposta?) e ó seu lado astutos sofistas capaces de facer crer que a mentira ben contada pode camuflarse por verdade. Sabedoría frente a verborrea. A apariencia e a verdade sempre no seu xogo de poder. Afortunadamente en todo tempo e lugar existían os homes de ben encargados –por principios– de vixiar, perpetuar e protexer a esencia que nos fai máis libres e máis humanos. Libros de cancións, de poemas, de viaxes, de aventuras. Paraisos que percorremos mentres avanzamos entre as árbores despexando sombras. Luz dos meus libros amados, estrelas de letras que brillan baixo o sol do corazón de quen aquel bendito día o escribiu. Meus libros, silenciosos inquilinos que me vedes ir e vir ata que chega o intre máxico no que se abren as vosas follas e a miña mente para atoparnos outra vez.

Vello amigo narrador, sabio ilustrador da miña soedade, de leal consello. Tantas veladas compartidas, voando, sentindo, aprendendo, soñando…

Te puede interesar