Opinión

PAPÁS

Fuches sombra cando eu tiven que entender a importancia da luz, e fuches luz para facerme estralar a risa dos destellos transparentes. Fuches unha casa quente onde entrar e quedar, onde comer en paz e durmir en calma. Tranquila e aromática estancia escolliches para o meu roulo. Eu, tan pequeniña e xa mirándote? Fuches o estribillo e a estrofa da canción que entonaban os teus ollos cheos de fe por mín, esperando sempre de mín e admirando o que saía de mín, meu querido papá. Na túa mirada vin sempre unha aposta por ser mellor: mellor persoa, mellor amigo, mellor no verso e no camiñar pola vida.


Fuches o silencio cando tiven que soñar co son das notas, e fuches cantiga á hora do café, despois do noso xantar, na casa que enchiches de ventás buscando o sol.


Parece que che estou sempre á túa xusta medida, ó teu gusto, ó teu compás. Será que me deixaches moito máis que a música percorrendo o meu sangue.


Papás, que estades continuamente aí, coidando e protexendo ós vosos fillos: a vós hoxe esta lembranza entrañable que naceu aquel día, naquel intre máxico no que o ceo e a terra se deron un bico de amor, ese día no que, dende o roulo, aquel anxo pequeniño -a quen tanto queredes- xa vos miraba.

Te puede interesar