Opinión

ESA PAZ

Esa paz coa que me transmites nos teus 'bos días' o teu desexo amable. A paz de retirarnos para deixar paso, porque sabes ben que hai sitio para todos. A paz de saber cando estorbamos, cando debemos calar, cando estamos de maís e debemos retirarnos. Esa paz silenciosa coa que deixas claro que a túa intención non é ofender. A paz coa que lle recolles o paraguas a velliña que atopaches na rúa. A paz de saber escoitar, de vivir e deixar vivir. A paz dese teu saber estar, do teu tácto, do teu trato educado e coherente. Esa paz que nos pasamos un a outro cando chocamos a man, cando nos damos un bico, cando sorrimos, cando rimos a boca chea, felices. Cando nos implicamos neso que nos fai mellores, cando saudamos ó sol, á lúa, ó inverno. Cando o frío é comprendido por necesario, cando vemos que a circunstancia adversa ten a súa razón de ser, cando a dificultade é atendida por quen se supera, cando o neno 'complicado' ten unha atención adicional sinxelamente porque a merece. Cando o mestre lle dá forzas ó alumno e lle levanta a ilusión para superar o obstáculo. Cando o médico cura e loita por seguir curando. Cando o científico disipa dúbidas para ben de todos. Cando o artista crea coa sensibilidade a flor de pel para unxirnos de beleza. Cando acolles con dozura a un neno, cando aloumiñas ó gato, cando derretes o xeo entre os teus dedos quentes? Esa paz de quen vive o instante de luz no sublime do cotián. Dame esa túa paz pequeniña para a miña -pequeniña tamén- e será noso o mundo.

Te puede interesar