Opinión

QUERIDOS REIS MAGOS 2014

Un ano máis escribo a miña carta esperando nesta ocasión que todo lles vaia indo ben, pois hai quen di que o camelo de Gaspar chocou contra un penedo característico destes nosos lares e, claro, vostedes están acostumados ás chairas dos desertos?, que detrás deste tamén petou o de Baltasar e que estragaron a metade dos presentes. E que aínda que lles berrou Melchor que aquela cousa grande e gorda non era un espexismo, pasou o que pasou... Claro, a paisaxe é moi diferente á súa, maxestades, e tamén a vostedes lles pode acontecer de todo. Os nenos comprendemos o esforzo que vostedes fan para alimentar a nosa ilusión, aínda que tamén hai quen di que só nos importan os agasallos (?ai, ai,ai, esas malas línguas!)


Vostedes veñan tranquilos que o importante é chegar (oxalá que me veña enteira a moneca do lazo encarnado que pedín!)


De tódolos xeitos nós aquí, nesta parte do mundo chamado Ourense, xa bendecimos o ano novo coas nosas outras Maxestades da Real Banda de Gaitas da Deputación. Cóntolles como foi:


A sacra porta da Catedral abriuse de par en par. A música e a poesía, collidas da man, irrumpiron con elegancia e mestría, con decisión e coquetería, ante todos os que quixemos presenciar o romance das notas entre as pedras e os arcos. Un bico romántico e sutil acariciou a pel suavemente susurrando 'feliz ano'. Á vez que se nos abría o corazón, pechábansenos os ollos, á vez que se expandía o aire no noso peito suspirábanos a alma.


A todos nos latexaba o corazón ó mesmo tempo, en todas as caras había un sorriso, en todos os ollos un brillo, en todas as mans calor, en todos os espíritos esperanza. Seguramente, queridos Reis Magos, fora xa a forza da súa soberana presenza a que nos sumía a todos nun soño emocionado, namorado. Probablemente xa o poder da súa proximidade exercía aquela influencia sobre nós. Sería fermoso que a maxia daquela música non morrera, que non se disipara nunca dentro do noso sentir e que poideramos ver sempre a vida con aquela cor. Consideren esto unha petición miña para poder ver a todos os que quero felices, e se se estragou a moneca non se preocupen que xa lla pedirei o ano que ven, pero o laciño encarnado traianmo, por favor, que o podo poñer eu cando faga unha trenza.


Nun bico pódese beber todo o amor que nos espera, toda a ilusión e esperanza que derrocharemos, toda a satisfacción que está por vivir, toda a enerxía que necesitaremos para conseguir xuntos que sexa así como o queremos: feliz. Un feliz ano.


P.D.: Ó lado das galletas e da auga deixareilles un pouco de graxa de lechón para que as súas maxestades poidan aliviar a hinchazón dos croques.

Te puede interesar