Opinión

O REISEÑOR

Estaba unha noite perfecta para ser cantada, por eso decidín deitarme máis tarde e quedar a escribir. A cidade ía perdendo forza, cada vez circulaban menos coches e a escura inmensidade caía sobre todos decidida e arrogante. Pestenexaban pequenas luces ó lonxe e a través da ventá víase o reflexo dunha televisión acendida que semellaba ter dormido ó seu acompañante. Sentín a soedade xunto a mín e as dúas disfrutamos da mutua presencia, sereas, silenciosas, cómplices?


Retomei o contacto coas musas que me asistían compasivas despois de recrearme na respiración acompasada do latir da noite que ía calando pouco a pouco. ¿Calaba? De súpeto alertoume algo que procedía das árbores do xardín. Aquel sonido armonioso era o canto dun paxariño que lle cantaba a noite, o silencio, e non era un moucho.


Pensei que xa o cansancio ou o sono estaban facéndome efecto pero achegueime o cristal frío e empañado e mirei e escoitei con curiosidade. Así era, aquel animaliño cantaba coa tesitura dos anxos coma se non quixera molestar, coma se -ó axexo- tentara acariñar ós que dormían, ós que soñaban e ós que fantaseaban sobre un folio cos seus universos segredos. Dende logo, poucos aloumiños contiñan tanta dozura.


Recordei o que me contara o señor Pepe, home que sabía tantas cousas sobre a natureza, sobre o reiseñor. Este paxariño discreto e tímido era capaz de retar ó frio e as tebras e lanzar a súa canción para as almas que non dormen soño de pedra. Sutil, sensible e suavemente mecía coa súa melodía os nosos corpos entregados ó silencio e á maxia ,ó runrún das horas que toponean? Seducida polo sono decidín rematar a xornada pero ?eso si- sen deixar de constatar esta metáfora do alegre reiseñor que aínda nas circunstancias máis delicadas agasallábanos coa súa voz. Serei coma un reiseñor? Saberei cautivarte coa miña canción de noite ?prisioneiro, prendido a mín- mentres respiramos liberdade?


Te puede interesar