Opinión

Sempre Rosalía

Arden e asubían as xestas na lareira abrindo o lume, que vai quentar as mans e os pés de quen atravesou camiños na neve. Oubea o lobo na serra e a curuxa ameniza coa súa canción de roulo a noite dos nenos da aldea que soñan primaveras. As estrelas latexan nun brillo tan sutil…
-Mira, meu neno, aquela é a Vía Láctea. Todos os que miramos o ceo rezamos en Compostela, onde naceu a Supernova Rosalía de Castro. Adiantouse tanto ós tempos...

Romantismo do realismo ou realismo romántico? Que máis ten. Santiña, sacerdotisa, muller coa muller comprometida. Palabras dende o sangue, a cabeza e a entraña que se empapan e fanse eco do sentir nun pobo e que con cantiga delicada ou feroz castiga e executa, no pais das esencias, a inxustiza e o mal, axeonllándose ante a xente humilde, a que traballa e cría de sol a sol sen saber siquera que é grande porque a néboa fai todo invisible. A Rosalía dos ollos tristes, pero que foi faro dos mares dos soñadores, dos poetas que cren nesta Terra fermosa que sopla versos no aire e fai pactos cos montes e cos ríos e coas fontes, coa “casiña do meu contento” e “coas moriñas que eu lle daba o meu amor”, cos pensamentos vagabundos que nos fan libres.
Esta noite outra vez contemplaremos o ceo co recordo de quen é inmortal, meu neno, así xogaremos a ser pequenos, moi pequenos, un puntiño diminuto no Universo, apenas un brillo que ninguén ve.

Te puede interesar