Opinión

TARDIÑA DE OUTONO

Caía sobre mín o teu solpor, outubro, mes no que nacen os deuses, e deixeime levar pola túa brisa morna e o teu pálido seducir.


Brillaba Venus ó lonxe, tan radiante e tan máxico, tan amable. Outra vez o luceiro da tarde chegaba para contarnos historias do alén nas que fermosas meigas de longos cabelos conceden desexos se sabes descifrar os enigmas que elas che propoñen. A vida é ás veces un verdadeiro enigma! Un misterio con claves segredas que cada un de nós habemos descubrir. A liña do horizonte era dourada e rosa, e sobre ela, un precioso añil bordaba o noso ceo ourensano cautivador. A tardiña do outono era agarimosa, quente, e parecía atenta a quen, dende a súa fértil soedade, quixera lanzar un laio de esperanza.Venus co seu bico de amor escribía entre nubes: 'tibidabo' (dareiche) e sentín a palabra fundíndose en mín, e de que maneira tan real, o astro falaba comigo dende o mais alá.


Enigmas da vida, ou mensaxes dos deuses? Poesía, fada adorada, es sempre tan sutil?

Te puede interesar