Opinión

O CARRABOUXO

Dende o primeiro día de colaboración con este diario (algo máis de catro anos) veño compartindo páxina, cada mércores, coa viñeta do Carrabouxo. Toda unha honra para min.


A estas alturas, non descubro nada novo si digo que O Carrabouxo é talvez o personaxe de ficción máis popular da provincia de Ourense, e tamén dunha boa parte de Galicia, superando en popularidade a un tal Xosé Lois González Vázquez, que, casualidades, ese é o nome do seu creador. Si, si, con máis fama có seu propio creador. ¿Caso único no mundo? Pois non. Outros casos ten habido, e ben resoantes, por certo. A ver, ¿quen non oíu falar nalgunha ocasión do Conde Drácula, ou de Frankenstein, ou de Tintín ou de Tarzán? ¿Quen? E, pola contra, a cántos lles soan os nomes dos seus respectivos autores (Bram Stoker, Mary W. Shelley, Georges P. Remi Hergé, Edgar R. Burroughs). ¿A cantos? Aínda que no caso do noso autor, e a diferenza dos citados, el mesmo asumiu de bo grao o nome do seu personaxe, considerando como algo natural que ese sexa o nome co que a xente se refira a el. 'O pregón correu a cargo do Carrabouxo'. 'Había moitas persoas alí. Incluso estaba o Carrabouxo'. 'O Carrabouxo dedicoulle a medalla Castelao a todos os humoristas galegos'.


Ben. Nomeémolo como Xosé Lois ou nomeémolo como Carrabouxo, cáles son os méritos do autor para tan unánime recoñecemento? Pois, méritos non lle faltan. Colaboración, como humorista gráfico, en distintos medios de comunicación galegos; varias publicacións e recompilacións, tamén no eido do humorismo gráfico; participación en numerosos actos culturais ó longo de toda a xeografía galega. Pero, sobre todo, pola súa viñeta diaria, dende vai trinta anos, no xornal La Región; calculando así por encima, a min sáenme máis de 10.000 historias. Todas elas xeniais. Unhas historias nas que, botando man da retranca, do xogo de palabras e da sabedoría popular, nos resume nun par de frases curtas a súa persoal visión da actualidade, ben para celebrar o que teña de gracioso, eloxiar o que teña de positivo ou atacar o que teña de perverso. Case sempre con humor; a non ser naqueles casos que, por tristes, en máis dunha ocasión ten resolto pintando unha bágoa de tinta na meixela do Carrabouxo.

Te puede interesar