Opinión

Interrogantes, moitas interrogantes

Finalizaba o artigo da semana pasada dando conta das preguntas que se me viñan á cabeza (nada orixinais, por certo) cando, en noite clara, alzaba a vista cara ó ceo. ¿Onde estarán os límites do Universo? ¿Que haberá máis alá deses límites? ¿A nada? Pero, ¿que é a nada? ¿Cando o comezo do Universo? ¿Terá un final? E remataba a serie preguntándome se existirán noutros mundos seres semellantes a nós.

¿Seres semellantes a nós noutros mundos? Haberá quen responda “si”; haberá quen responda “non”; haberá quen responda “poida que si, poida que non”; ou, finalmente, quen opte polo socorrido “¿quen o sabe?”. O certo é que, ata agora, non hai ningunha constancia da súa existencia. ¿Posibilidade de que existan? Por suposto que si; que ninguén pode demostrar o contrario. ¿Probabilidades de que existan? Moitas, para uns; poucas, para outros. Pero, polo que se vai sabendo acerca das condicións de habitabilidade que se dan nalgúns planetas, algo si pode haber.

De cando en cando aparecen nos medios de comunicación relacións de novos planetas que científicos do espazo consideran habitables. Por ir ás máis recentes. A finais do pasado ano comunicaba a NASA que na Vía Láctea (da que forma parte o Sistema Solar) hai 104 planetas habitables; dos cales, dez, con tamaños similares ó da Terra. Nunha nova información da NASA, do pasado mes de febreiro, anunciábase o descubrimento de 715 planetas; catro dos cales, con condicións de vida similares ás que existen no noso planeta. (Conclusións ás que chegaron os científicos valéndose dos datos facilitados polo observatorio espacial Kepler.) Si. Centos de planetas habitables, que se saiba; e que pronto serán miles, a medida que avancen ás investigacións.

Pois ben, admitindo como hipótese que hai seres parecidos a nós nalgúns deses planetas, ¿cómo serán, os tales, en comparación cos humanos? Mais ou menos intelixentes; máis ou menos avanzados; máis ou menos solidarios; máis ou menos radicais; máis ou menos agresivos; máis ou menos corruptos. Por outro lado, ¿cal a idea que, os de aquí, nos formamos dos extraterrestres? Se a apreciación do conxunto da humanidade se correspondese coa imaxe que deles se dá en películas, novelas, series de televisión, cómics, videoxogos, a súa valoración non podería ser máis negativa. Salvo raras excepcións, preséntannos aos extraterrestres como seres perversos, sádicos, crueis, que non perseguen outro obxectivo que o de apoderarse da Terra, para escravizarnos. Auténticos depredadores, abducen, raptan, asasinan, masacran, beben sangue das mozas, devoran nenos. Todo malo, nada bo. Mais, na realidade, cómo serán os potenciais habitantes doutros planetas. “¡E a min que me importa!”, haberá quen diga. E poida que non lle falte razón. Fin.

Te puede interesar