Opinión

Un libro de anuncios

Realizando un detido seguimento da publicidade ourensá nun período de 76 anos (do 1863 ó 1939), Maribel Outeiriño logrou construír un gran libro. Un libro que, a través da publicidade, nos fala das formas de vida daquela época: das modas no vestir, dos medios de transporte, dos avances no eido da medicina, dos produtos para combater as pragas do campo, dos bares e da hostalería, dos servizos funerarios, dos novos modos de entretemento, das películas daquel entón. 

No máis antigo dos anuncios que recolle o libro, o comercio “Gran Bazar” ofertaba, entre outras vestimentas, xaquets, carrís, lebitas, capas e paletós; estes últimos, os paletós, o máis cobizado de tódolos gabáns por ser pezas que, segundo o cantar, vestía Fernando VII nas grandes celebracións.

Con ofertas moito máis modestas as no segundo dos anuncios. Baños salinos sulfurosos, por cinco cás pequenos (perras chicas, cadelas). Beber unha tempada d’auga da fonte d’o Bispo, por cinco cás pequenos. Por asento diario n’o coche, dez cadelas de ida e dez de volta (catro reás).

Ómnibus Automóviles de Verín. “Esta empresa, que tan buenos y esmerados servicios viene prestando, tiene establecidos los siguientes precios”. Prezos que detallaba en función da súa categoría: berlina (a máis cara), plataforma (con asento no teito) e interior.

La Competidora de la Nieve. (Nun anuncio de xeados e refrescos). “Ciudadano que pones tus pies en las caldeadas baldosas de las calles, que respiras una caliginosa atmósfera, siempre amenazado de asfixia, que sientes un calor intenso y capaz de derretirte los tuétanos. Detente y óyeme... “.

Comercio Resvié: “Gran surtido de lanillas, vicuñas, jergas y elasticotines”. ¡Carainas cos elasticotines!

O doutor Morell , para curar “las purgaciones y flujos blancos”, ofrece cápsulas peuvianas. E para curar “bubones, verrugas, manchas de la piel, bubodoles caries de los huesos, úlceras de la boca y todas las enfermedades de origen venéreo”, recomenda (¡non faltaría máis¡) “El vino de zarzaparrilla del doctor Morell”.

Comercio “En el Paraiso”: Zuecos, botas, pantuflas, guantes, abrigos. “Curioso nombre, este, para una tienda de zuecos y guantes”, apostila no seu comentario a autora do libro.

Comercio “Emilio Abraldes”. Surtido: Capas, capelinas, toquillas, paraguas, pañería, pañuelos, camisas, borlas, flecos. “Que guapo y gordo me pongo/ cuando me suelo lavar/con el jabón singular/ de los príncipes del Congo” (???).

Teatro Principal. “Grandioso campeonato de baile de salón. Resistencia: 30 horas consecutivas 30. Único premio de 500 pesetas al que resista”. Que, polo que parece, chegaran ata aquí os maratóns de baile que polos anos 30 do pasado século se puxeran de moda en Estados Unidos; unha moda que inmortalizaría Syney Pollack na película “Danzad, danzad malditos”. 

En fin, “Anuncios”, un libro que non defraudará.

Te puede interesar