Opinión

Universo

Moi importante debe ser o último descubrimento sobre a orixe do Universo, cando todos os medios de comunicación recolleron a noticia con grandes titulares. Detectadas por primera vez las ondas gravitatorias generadas tras el big bang, anunciaba La Región na súa primeira páxina. E que noutros xornais, Los astrónomos descubren ecos de la expansión del Universo después del big bang. Han descubierto el eslabón perdido de la teoría del Universo. La prueba irrefutable de la expansión del Universo. Xa no desenvolvemento da noticia, nunha linguaxe que a min se me escapa, van dando conta das claves da explosión que deu lugar a expansión do Universo hai 13.000 millóns de anos; da existencia dun Universo primixenio que contiña (¿en potencia?) a materia, a enerxía, o espazo e o tempo; do conglomerado extremadamente denso que explotou en millonésimas de segundo; de que foi a inflación cósmica a que propiciou a homoxeneidade do Universo. Palabras para entendidos.

O interese do ser humano por cuestións relacionadas co Universo parece ser tan  antigo como a propia humanidade. Interese pola súa grandiosidade, pola influencia nas súas vidas, polos beneficios e desgrazas  que viñan do ceo e polos misterios que encerraba. Do ser humano, en xeral. Pero con atención especial por parte de astrólogos, astrónomos, filósofos, físicos, matemáticos. No que se entrecruzan, ao longo da historia, os nomes de Zenón de Elea (que se ocupou do Universo, aínda que tan só para negar a realidade da súa existencia),  Aristóteles, Ptolomeo (xeocentrismo), Copérnico (heliocentrismo), Kepler (movemento elíptico dos planetas), San Agustín (universo finito), Galileo (probas do modelo heliocéntrico), Leibniz, Newton (tempo e espazo, independentes), Laplace (sistema solar a partir dunha nebulosa), Kant (espazo e tempo, “formas a priori”), Nietzsche, Hubble, Einstein (teoría da relatividade), Heidegger, Hawking, Guth (teoría da inflación cósmica), Linde... Cada cal coas súas teorías, cos seus razoamentos, coas súas verificacións. Teorías que, nalgúns casos, sucesivos avances van deixando sen efecto; ou sen vixencia “transitoria”, cando os seus propios creadores se ven obrigados a abxurar das súas certezas (así, Galileo Galilei).
En tanto o común dos mortais, ¿qué idea nos facemos do Universo? Pois no meu caso, aparte dunha lixeira idea da súa inmensidade e dalgúns dos seus efectos, todo son interrogantes. Son esas dúbidas de profano que se nos veñen á cabeza –e aquí coincido co que lles teño escoitado a outras persoas‑ cando en noite clara alzamos a vista cara ó ceo. ¿Onde estarán os límites do firmamento?  E máis alá deses límites, ¿que hai? ¿A nada? Pero, ¿qué é a nada? ¿Cando comezou o Universo? E antes de comezar, ¿que había?; ¿terá un final? ¿Haberá seres similares a nós noutros mundos? ¿Saberán, eles, da nosa existencia? Tantas as preguntas...

Te puede interesar