Opinión

Investigación e ciencia

A semana pasada saíu á luz o Informe de Conxuntura Económica que trimestralmente publica o Foro Económico de Galicia dedicando o seu comentario á situación da investigación e desenvolvemento na nosa Comunidade. Trátase este dun tema de especial relevancia posto que a I+D determina a competitividade dunha economía así como o seu progreso futuro. Así, o avance da ciencia e a tecnoloxía albíscase como o sustento das sociedades desenvolvidas. Non é posible entender unha sociedade innovadora e economicamente sostible sen unha contorna científica dinámica e colaborativa onde a vinculación entre ciencia e empresa resulta unha condición imprescindible.

Conscientes desta realidade, as diferentes administracións públicas albiscan a implementación da ciencia e do coñecemento como eixos básicos das súas políticas, deseñando plans na materia con ambiciosos obxectivos a acadar. Sen embargo, pese aos bos propósitos, a realidade amosa a dificultade de cumprimento destes programas o cal se veu acrecentado nas últimas datas co gallo da crise económica.

A situación de Galicia neste eido non amosa unha situación moi favorable para a nosa Comunidade xa que os distintos indicadores dispoñibles dan conta dunha debilidade no que se refire á súa relevancia económica e aos seus recursos humanos. As comparacións estatais da I+D galega sitúana en porcentaxes por baixo do 5%, o cal vén a contrastar coa súa relevancia tanto demográfica como económica (5,8% galego en termos de poboación e 5,1% en termos de PIB). Asemade, se temos presente que a situación estatal xa é desfavorable na contorna europea, pódese afirmar que nos atopamos ante un dos principais retos da economía galega no seu futuro máis inmediato. A realidade da investigación en Galicia evidencia un claro lastre para o seu desenvolvemento futuro que non é capaz de implementar unha política científica e de innovación que lle permita afrontar as necesidades tecnolóxicas futuras.  

Así pois, para poder dar resposta aos retos máis inmediatos na materia, e como figuran nos diferentes plans galegos de investigación e innovación, cómpre facer un esforzo que permita achegarse á media estatal. Este esforzo cabe concretalo en dous aspectos: un económico e outro intanxible. O primeiro deles levaría a que a aposta por este tipo de políticas, onde a educación e formación xoga un papel determinante, tivese a súa tradución en maiores partidas de gasto e investimento nestas actividades. O segundo tipo de medidas pasarían por unha imprescindible implicación do sector empresarial privado fronte á tradicional preponderancia da innovación por parte do sector pública. Isto debería vir acompañado dunha reordenación do sistema de innovación galego para que os diferentes centros, plataformas e clusters existentes poidan establecer estratexías de colaboración e sinerxías. O seu obxectivo final sería a procura dunha maior competitividade en termos de produtos e servizos que é onde reside unha das principais debilidades da economía galega.

Te puede interesar