Opinión

O náutico de Castrelo

A celebración da proba internacional de remo ’Open das Nacións II Descenso do Ribeiro’ en augas do encoro de Castrelo de Miño supón un novo fito acadado por estas estupendas instalacións deportivas. É, polo tanto, unha nova posta na escena internacional da provincia ourensá co deporte como principal protagonista.


Cómpre lembrar que o Club Náutico de Castrelo supón un claro referente nos deportes náuticos xa non só en Galicia, senón en España e Europa. Sen embargo, dá a impresión de que non ten o pulo e importancia que lle correspondería nos distintos niveis da Administración. Non se entende senón que fose Pontevedra (no Centro Deportivo de Pontillón en Verducido) o destinatario dun millonario investimento por parte da Xunta.


¿Que é o que lle falla a Castrelo? Pois na miña opinión son dous os aspectos que determinarían o seu salto definitivo como referente internacional. En primeiro lugar, adoece dun claro déficit de infraestuturas hostaleiras ao se sustentar en casas de turismo rural, no Balneario de Laias e inevitablemente botando man de Ourense e Carballiño. Así pois, non resulta lóxico que no contorno inmediato non haxa unha oferta axeitada e, sen dúbida, constitúe un lastre que se debe solucionar.


É necesario non só facer probas de máximo nivel senón forxar deportistas Noutra banda está o eido propiamente deportivo. Ben é certo que a actividade e programación deportiva continúa a mellorar e, se agora podemos contemplar a estas seleccións, é porque moitas delas xa estiveron por aquí facendo concentracións e coñecen das súas bondades. Aínda así, para ben ou para mal, a actividade deportiva basease cada vez máis en termos deporte de alta competición, e iso polo de agora non se albisca. É necesario non só facer probas de máximo nivel senón forxar deportistas que saían por aí diante e que sexan, ao mesmo tempo, espello do que se fai na ’Ría do Ribeiro’.



Te puede interesar