Opinión

O risco do capital en Galicia

Asemana pasada veu a luz o último documento do Foro Económico de Galicia adicado, nesta ocasión, ao capital risco en Galicia. Trátase este dun asunto de grande importancia para o entramado económico dun territorio xa que constitúe unha das formas de financiamento máis empregadas polas empresas de base tecnolóxica xunto con outras como o crowdfunding ou as redes de business angels tamén tratadas no texto.

A situación galega neste eido debe ser cualificada de manifestamente mellorable posto que Galicia se atopa entre as seis últimas autonomías españolas en atracción de capital risco para empresas de base tecnolóxica, moi lonxe dos polos máis desenvolvidos do Estado. Un síntoma de debilidade sobre o que cómpre unha actuación decidida por parte das autoridades competentes. Con esta finalidade, o documento do Foro complementa a diagnose cun conxunto de “receitas” para cambiar as condicións de base da economía galega e atraer máis investimento de cara á xeración dun emprego de calidade e ao aumento do número de empresas innovadoras.

A principal proposta que realizan os expertos reside na necesidade de incrementar o gasto en investigación e desenvolvemento (I+D) para converxer a medio prazo coa media española. Este aumento do esforzo inversor debe favorecer a  actividade desenvolvida polos centros de investigación, as universidades e as empresas. Asemade, é preciso seleccionar ámbitos estratéxicos de investimento, entre os que se poden citar as novas enerxías, o sector aeronáutico así como a biotecnoloxía e a saúde.

Outro aspecto importante é que a implicación sexa tanto dende o lado público como o privado. No primeiro caso, o investimento público debe orientarse a sementar as bases para o posterior asentamento de empresas interesadas nestes tipos de proxectos. En canto ao eido privado sería desexable triplicar os recursos dispoñibles das sociedades que operan en Galicia e captar a atención de investidores tanto nacionais como estranxeiros. En concreto, apúntase a conveniencia de buscar unha maior implicación das sociedades dependentes de entidades financeiras que operan en Galicia (tales como Caixabank-La Caixa, Santander ou BBVA) mediante a coparticipación en proxectos con axentes locais.

Unha última cuestión sobre a que se chama a atención é a consideración territorial focalizada na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Neste contexto é preciso promover activamente a configuración de redes galegas transfronteirizas de business angels que melloren a capacidade financeira das mesmas e a interaccionen cos axentes privados. É aquí onde debería aproveitarse a experiencia e saber facer dos principais referentes galegos entre os que cómpre salientar á Universidade de Santiago (a través de Unirisco) e á Zona Franca de Vigo (mediante Vigo Activo).

En definitiva, atopámonos ante outro reto que debe afrontar a economía galega para garantir un desenvolvemento a medio prazo en canto a un financiamento con garantías de éxito e sostible economicamente.

Te puede interesar