Opinión

Crise privada das clases populares

A tan cacarexada crise económica ten efectos devastadores sobre unha gran parte da cidadanía, que, lonxe de albiscar unha certa esperanza, viven á sombra do imperio da tristura. Pais e nais de familia no paro, coa angustia constante de non saber se poderán alimentar as crianzas por moito máis tempo. De proporcionarlle entón certas comodidades e caprichos, aos que moitas nenas e nenos de familias en mellor situación económica están afeitos, mellor nin falamos.

Esta situación de fraxilidade provoca tamén problemas de carácter psicolóxico -depresións, crises de pánico, ansiedade…- que fan explícita a violencia estrutural, un xeito de destrución da dignidade das persoas, que se produce lenemente. A propia lentitude do proceso é un exercicio desta devandita violencia sistémica, na medida en que debilita os mecanismo de defensa das vítimas aos poucos. Substraerse dunha dor que se fai explícita a calquera hora do día e non dá tregua non é fácil en absoluto. Cun problema na familia desta índole, iso de “desconectar”, que adoitamos dicir cando imos de cañas coas amizades, adquire un carácter non só ridículo, mais obsceno case. Que lle vaian con ese conto a unha nai no paro e dúas fillas ao seu cargo, por exemplo. Esa si que querería “desconectar”, poder ter un mínimo repouso, durmir sen que os problemas a torturen. Nada lle gustaría máis que estar tranquila. Pero non pode. Hai demasiado en xogo como para laiarse por cuestións baladís, que caracterizan á clase burguesa.

Nada hai tan angustioso como a desesperanza impenitente que nace da presunta inexistencia dunha luz no horizonte. Non ter claro cal é a dirección, porque, en principio, todo apunta a que non hai dirección de ningún tipo acaba coa moral de calquera. Porque saber onde imos non é tan difícil se existe ese “onde”. O caso é tirar cara adiante sen sabermos se nese “adiante” hai realmente algo bo. Parte da violencia do Estado é a que nace dese control invisible ao que somete ás vítimas de seu, provocando nelas estupor e inseguridade ante un non-horizonte cara ao que tirar.

Te puede interesar