Opinión

Independencia e singularidade

Dalí e Picasso estaban á altura de artistas como Maruxa Mallo. Escribo isto, que normalmente sería escrito doutro xeito -Maruxa Mallo estaba á altura de artistas como Dalí e Picasso-, co desexo de amosar algo imprescindíbel . Que, exactamente? Pois nin máis nin menos que a necesidade de mudar a perspectiva para valorar un traballo artístico. Por que o medidor de grandeza ten de ser Dalí, poño por caso, e non Maruxa Mallo? Esta condescendencia galante resulta bastante penosa, na medida en que, despois de tanto camiño andado, escoitar ou ler este tipo de frases revela unha triste realidade. Cal? Moi simple, aínda necesitamos empregar figuras masculinas como referentes para demostrar a relevancia do traballo dunha muller. A obra pictórica de Mallo non precisa destas asociacións que implican unha comparación con artistas máis recoñecidos polo gusto hexemónico, obviamente masculino, para que se teña claro o seu valor. Dada a calidade exquisita da súa obra, esa excelencia -presente no traballo de e Dalí, Picasso, Chagall etc etc- faise tan evidente que non se entende a necesidade de probar a devandita excelencia por medio da comparación, ao deixar claro que está á altura de pintores consagrados.

Cadros como Muller con cabra (1929), A sorpresa do trigo (1936), ou Verbena (1927), pertencente este último a unha serie de catro óleos que apareceron nunha exposición individual de 1928 -organizada por Ortega e Gasset nas salas da Revista de Occidente e que, a día de hoxe, pode verse no Museo Reina Sofía- son suficientemente reveladores do enorme talento de Mallo. Tan só con esas escenas de cores vivas presentes no seu “tableau vivant” da Verbena xa temos proba suficiente da singularidade de Mallo, na medida en que ofrece unha visión persoal do mundo que atrae irremediabelmente. Hai algo moi potente nesa imaxe que incita a contemplala unha e outra vez.

Probablemente sexa o seu atrevemento, porque hai un punto de afouteza na sátira implícita que observamos no cadro en cuestión e que Mallo consegue co hibridismo estético que propón. Refírome ao feito de ela conxugar nel a ridiculización do carácter xerárquico da sociedade madrileña da época mediante eses personaxes de diferente condición social nun mesmo espazo, en visíbel estado de ledicia por certo. A verbena presenta un conxunto humano tan heteroxéneo que necesitamos mirar cada unha das figuras por separado, e, ao facelo, case oímos o balbordo da xente. Inspira esa emoción festiva que nos ofrece, a verdade. É esa inspiración que pode xerar no espectador, ou espectadora, a que me leva a pensar que Mallo non necesita ser comparada, porque se significou soa co seu talento, algo que non depende unicamente da destreza, mais da capacidade de impacto e sorpresa. Ser capaz de sorprender e emocionar de xeito natural é algo ben interesante dende un punto de vista estético, porque aquilo sobre o que meditamos, o que nos deixa pensativos/as, iso que suscita unha ruptura, enfeitiza tanto que remata por xerar novas maneiras de recibir as imaxes.

Unha ollada diverxente ten a capacidade de construír relatos pouco habituais que nos agasallan con esa frescura que necesitamos para avanzar. Maruxa Mallo posuía iso, frescura, visión xenuina,e, polo tanto, singularidade. Por iso non é necesaria ningunha comparación, a rotundidade estética da súa obra xa o deixou moi claro. Daquela, o contento xeral pola decisión de lle dedicar o Día Das Artes Galegas no vindeiro 2017 é evidente. Estamos pois de celebración.

Te puede interesar