Opinión

Maléfica

Impresionante. Así de claro. Angelina Jolie seduce á cámara. Non sei se son os cornos torcidos que leva ou o par de ás que lle chantaron, mais o caso é que deslumbra. Ver a esta muller voando polo ceo deixa coa boca aberta á máis pintada. É, sen dúbida, unha Maléfica perfecta. Xa podemos esquecer a Lara Croft, porque, neste filme, a Jolie superouse a si mesma. Se, á marxe disto, temos conta da revisión do conto, A Bela Adormecida, a cousa ponse máis interesante. Algo está a mudar en Disney. Menos mal!

Comecemos entón polo principio, polo xeito en que o tratamento da relación Maléfica-Aurora se alonxa dos prexuízos patriarcais típicos. Non só estamos ante unha malvada bastante ambigua, mais tamén ante unha princesa -Aurora, A Bela Adormecida- que sabe comprendela e poñerse do seu lado. Coñecer a parte amábel e tenra de Maléfica permite a Aurora saír da inocencia imbécil na que a situou o conto tradicional.

Neste filme a rivalidade desaparece, porque a princesa panoli consegue abrir os ollos e poñerse nos zapatos de Maléfica, ao tempo que esta última é quen de se substraer do imaxinario sexista que a obriga a competir coa rapaza nova. É máis, ambas as dúas xeran un vínculo forte que deriva noutra cousa diferente e liberadora que ben podemos chamar amor. Maléfica coida de Aurora. Intenta protexela dos perigos. Aurora fai o mesmo con Maléfica. Entón, que pasa cos homes desta historia? Carecen de protagonismo? Si. Os personaxes masculinos deste filme son colocados no seu lugar -un ben discreto- para que elas poidan desenvolver a personalidade de xeito autónomo e estabelezan, de paso, unha relación solidaria en liberdade, sen ese sexismo rancio ao que nos tiñan tan acostumadas/os. Por iso, un dos momentos máis agardados da peli, o do bico de amor, pon a guinda a esta nova visión do conto de fadas.

Sorprendentemente, Disney rompe coa liña cursi doutras pelis para iniciar un camiño diferente, así é que o devandito bico para espertar a Aurora non será o do príncipe. En absoluto. Quen pode amar máis e mellor a esta Bela Adormecida que aquela persoa que a acariñou ao longo da súa vida? Era esta persoa o guaperas do príncipe que, coma quen di, pasaba por alí e ficou paralizado coa beleza da rapaza ou esa fada imperfecta e inquietante, que se resistía a dicir “quérote, Aurora” por mor de se protexer dunha posíbel decepción? A cousa está ben clara. Malia todo, o conto tradicional transmitía esa quimera do amor instántaneo, que Disney se encargou de perpetuar até o de agora.

Ademais disto, cómpre destacar esa defensa da paixón por vivir como algo prioritario, sen medo á dor, pois, o sufrimento da perda soe ter a súa orixe nunha felicidade anterior. Certamente esta Maléfica paga bastante a pena. Polo menos para pasar un bo rato cunha historia diferente e divertida.

Te puede interesar