Opinión

Orde mundial

Finalmente aconteceu. Donald Trump, o candidato republicano, venceu a Hillary Clinton, así é que ocupará a Casa Branca. O presidente electo xurará o cargo o 20 de xaneiro de 2017. Cun total de 290 votos -270 son os necesarios para ocupar a presidencia dos Estados Unidos- a vitoria está moi clara. “Serei o presidente de todos os estadounidenses”, dixo Trump ao comparecer en público despois de coñecer os resultados das eleccións. Pero de todos todos? E de todas? Penso que, polo menos, ten de haber un número máis ou menos grande de mulleres que detesten a Trump, dado seu discurso antiabortista, así é que dubido moito que poidan consideralo “o seu presidente”.

Algo similar sucederá coa xente que está na contra da posesión libre de armas. Porque algunha haberá! Donald -gústalle que o chamen así- asegura, ao respecto desta cuestión, que Chicago, malia contar cunha das leis máis estritas sobre tan delicado asunto, sofre máis violencia que calquera outra cidade do país. Con este argumento, obviamente demagóxico, o magnate defendía pois o dereito a posuír armas. Facíao nun dos últimos debates públicos que mantivo con Hillary Clinton e no que, xa de paso, recoñeceu sentirse moi “orgulloso” por desfrutar do apoio da Asociación do Rifle. Nunha liña claramente reaccionaria, racista e xenófoba, Trump tamén deu a coñecer outra das súas propostas: a utilización dun orzamento de 34 mil millóns de dólares para deportar a poboación inmigrante, constituída por un total de once millóns de persoas, máis ou menos-, quitándolles o potencial dereito á cidadanía. “Imos manter as familias xuntas -todo un detalle-, pero terán que liscar de aquí”.

Tendo conta disto, non pode sorprender esa idea luminosa de construír un muro na fronteira con México malia o seu carácter delirante, porque ser é delirante, en efecto, pero non orixinal -algo haberá que lle criticar a este xenio-, pois non é o primeiro iluminado que fai referencia á expulsión en masa de inmigrantes. Xa o fixera, no seu día, Jean-Marie Le Pen, ao defender publicamente a necesidade de botar fóra de Francia á poboación estranxeira non procedente de países europeos. No entanto, tampouco non é necesario fixarnos en Europa, porque isto xa acontecera antes en Estados Unidos. De feito, durante a Gran Depresión (1929-1934) foron repatriados máis dun millón de inmigrantes mexicanos ao seu país de orixe dende California, Texas e Colorado coa escusa de non poder investir cartos públicos en axudas económicas para eles. Debido a semellante abuso de poder, o Estado de California emitiu o coñecido The Apology Act -O Documento da Desculpa- no 2005. Nel pedíase perdón por todo isto. No entanto, como parece claro que non aprendemos nada da historia e o ser humano adoitar bater máis dunha vez coa mesma pedra, o pobo estadounidense refrenda esta crenza popular ao reincidir no mesmo erro. Aí temos a proba: un dos países máis poderosos do mundo elixiu democraticamente a un xenófobo que constrúe o seu discurso ao redor do odio.

Ese “racismo convinte” , baseado no convencemento de que EEUU perdeu a súa grandeza despois da adxudicación da igualdade ás minorías étnicas, ás mulleres lesbianas e heterosexuais, alén dos homosexuais, debería traer á memoria da cidadanía americana o acontecido en Alemaña o pasado século XX . Debería, si, pero non o fai.

Te puede interesar