Opinión

SAMPEDRO, UN ESPÍRITO VIBRANTE

Decía José Luís Sampedro que 'se puede llegar a los 94 años y más, siendo feliz. Aunque uno se levante y se tenga que poner la boca, los ojos y los oídos.' Estaba convencido de que tal empresa, a de sermos felices, era posíbel malia os atrancos que, de cando en vez, aparecen no camiño. 'Tenéis una vida. Cada uno la suya. ¡Aprovechadla!'. Realmente este home tiña iso que tanto se bota en falta nos ambientes enrarecidos: entusiasmo. Certamente, conservar a enerxía, a pesar dos anos vividos e das decepcións inevitábeis, faise sorprendente. Daquela, como din por aí, eu de maior quero ser así, como José Luís Sampedro, e non deixarme levar por ese fastidioso aire de resabio que habita nos ollos atristados daqueles, ou daqueloutras, que se senten vencidos/as, mesmo antes de que a derrota se produza. Supoño que Sampedro aprendeu, hai moito tempo, o valor da intensidade dun instante pleno. Tal vez por esa razón podía expresar as súas ideas con naturalidade e rir a pulmón aberto, como 'eses locos bajitos' da canción de Serrat. Podía porque tiña impulso.


Ter 96 primaveras e facer vibrar a toda unha morea de xente nova, como fixeron Hessel e Sampedro, ben merece un eloxio. Así é que, nesta columna de hoxe, non querería omitir o que máis admiro deste intelectual tan querido. Creo que sería moi cutre mencionar a valía de seu como economista e escritor, sen mentar a súa extraordinaria calidade humana. Era Sampedro unha perla rara? Érao pola lucidez do seu discurso e por esa integridade moral, tan pouco frecuente a día de hoxe. O autor de 'La sonrisa etrusca' fixo fronte á vida até o final. Porque, a pesar do carácter abrumador da posmodernidade ansiosa - 'las ciudades, para el viejo, han sido siempre un embudo cazahombres donde acechan al pobre los funcionarios, los policías, los terratenientes, los mercaderes y demás parásitos...'-, elixiu vivir, con todo que iso implica. Non era unha tarefa fácil. O máis cómodo é resignarse, asumir que nada podemos facer para mudar a realidade.


Contrario ó cinismo e o resabio, Sampedro indignouse porque tiña moi claro que, malia o esgotamento do sistema de vida occidental, existe un muro de formigón que nos amedrenta inducíndonos ó inmobilismo social. Se ser novo nun corpo vello é estimulante, o contrario faise bochornoso e decepcionante. A quen lle interesa que a mocidade menosprece ó coñecemento, reproduza os vellos tics moralistas e fique varada no conformismo? Alguén sabe?

Te puede interesar