Opinión

A vida privada das mulleres

Cathy Young encheuse de gloria co artigo sobre o feminismo. Non farei mención á súa complicidade co sector de poder masculino heterosexual co que, obviamente, xerou un vínculo de simpatía, porque non é necesario e a ela pareceríalle unha simple reacción ao que explica nese texto ao respecto da crítica constante aos homes, unha crítica que Cathy Young considera “radical” e prexudicial para o movemento feminista. Destes adxectivos quédome co primeiro: radical. Radical é aquilo que está na raíz. A solución real dos problemas só pode conseguirse analizando o núcleo do conflito. Os parches só serven para tapar unha morea de buratos que, malia nos doer moito, seguirán aí. Cathy Young cre que existe unha certa “misandria”, que, estrañamente, ela equipara coa “misoxinia”. Curioso. A misoxinia existe e pode demostrarse. Aí están todos os casos de mulleres asasinadas polos seus maridos, as que foron vítimas de violacións -lémbrese o sucedido nas festas de San Fermín- ou acosadas sexualmente polos seus superiores xerárquicos. Como pode producirse un asasinato ou unha violación nun contexto harmónico e saudábel? A que se aproximan este tipo de condutas masculinas se non é ao odio? Crerá Cathy que proveñen do amor? Pode o amor provocar violencia? Nunca!

A verdade é que a violencia contra as mulleres -real e demostrábel- ten unha orixe política na medida en que é sustentada por un tipo de ideoloxía profundamente sexista, na que levamos inseridas séculos. Non empregarei o termo “patriarcado”, porque parece que Young non leu o “emocionario” e isto limita claramente a súa análise da violencia machista. Para que se entenda ben, o emocionario é un dicionario de emocións nas que atoparemos a definición de palabras como “empatía”, poño por caso.

As emocións son algo privado que podemos, ou non, partillar. Iso si, para considerar o valor deste emocionario cómpre situalo no contexto político ao que pertence, non sexista, e aquel que o motivou, o da dominación masculina. Penso que “dominación masculina” resulta máis comprensíbel para Cathy Young - “Casi nadie niega la realidad histórica de la dominación masculina”-, quen, sorprendentemente, parece non percartarse de que esa breve frase substantiva -co núcleo en “dominación” e o modificador en “masculina”- non é máis que unha descrición do devandito patriarcado político. Creo que este tipo de rodeos lingüísticos resulta tranquilizador para Cathy Young, así é que aceptaremos “dominación masculina”, como “patriarcado”, malia que nos guste moito precisar. O que non faremos é desculpar a confusión da articulista, porque o seu “pensamento reactivo” -defender sectores sociais que están en posición de poder e culpar as mulleres que, obviamente, ocupamos un espazo cativo de subalternidade- carece de profundidade. Cuestionar iso de que “o persoal é político” reflicte a ausencia de audacia de Cathy, na medida en que implica unha involución penosa que nos situaría, outra vez, no silencio conservador, alén de hipócrita, que sustenta a morea de comportamentos violentos contra as mulleres.

Te puede interesar