Opinión

Quessada: inmortal e excesivo

Como deixou dito a Condesa de Fenosa: a vida é efémera, o legado permanente L a Inmortalidad’, de Milan Kundera, transforma todos os aspectos do mundo moderno en cuestións metafísicas. As aventuras dos personaxes -imaxinarios- mestúranse coa historia de candidatos á inmortalidade.


¿Como vivir nun mundo co que un non está de acordo? ¿Como vivir coa xente, se un non considera súas nin as penas nin as alegrías, se sabe que non son parte de elas? Cada personaxe protagoniza unha historia e á vez encarna unha forma de inmortalidade.


O venres, 11 de decembro, no salón de sesións do Pazo Provincial, a Deputación nomeou a Xaime Quessada Porto como fillo predilecto da provincia a título póstumo. Reactualizar, para revivir, a vida e obra de Quessada resulta tarefa ardua e tan complexa como difícil. E se, como no propio acto se dixo, hai que glosalo en poucas liñas, resulta imposible. O legado, de connotacións artístico culturais e dimensión internacional da obra, que abarca aos cinco continentes, dá para decenas de actos como o que se tributou na Deputación, por parte da sociedade ourensán.


Os laudatorios que no salón nobre se expuxeron sobre a obra e vida de Xaime Quessada fixeron fincapé nas súas facetas humana e artística, tan implicitamente ligadas e inseparables. E acertaron de par en par os laudatorios, ao facer dúas referencias que, se lle pertencían, agora xa definitivamente se converten e señais de identidade de por vida en morte: a ‘inmortalidade’, a que sempre apelaba e se agarraba Xaime, e que, querendo ou sen querer, foi un excesivo en todo. Por iso, comecei coa referencia a ‘La Inmortalidad’ de Kundera, pois moito me recordou o dito na Deputación ao que eu lera xa hai anos. É o paradoxo da inmortalidade, xa que hai que morrer para alcanzala. Pero en Quessada a inmortalidade dábase en vida, cría nela como opio para continuar vivindo, aínda fronte a máis grande adversidade. Quizais co que non contaba era que unha vez morto, a inmortalidade seguiría sendo consustancial coa súa persoa e referencia para analizar a súa obra. Como en Kundera, os aspectos do mundo de Xaime sempre se transformaron en cuestións metafísicas. E a imaxinación foi unha constante no seu traballo, e mesmo nas taquicárdicas conversas.


¿Foi un ‘excesivo’ en todo? Bastou coñecelo un pouco. Non tivo fronteiras, nin no artístico, nin no profesional, nin na infinita xenerosidade. Imbuído de carácter multidisciplinar, vital e repleto de inquietude. E do que máis nos podemos vanagloriar, os que o coñecemos e compartimos algún momento, é que en el se daba iso tan importante e imprescindible, que frecuentemente tan mal se leva, como é o de que discrepar é inevitable e enriquece, e o que entristece é a desconfianza. Tamén en isto, a pesares das diferencias ideolóxicas -como deixou constancia Baltar-, foi un monstro da tolerancia. Como deixou dito a Condesa de Fenosa: a vida é efémera, o legado permanente.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar