Opinión

Amor e morte

O subxénero do true crime ten éxito. Está de moda. Hai unha superprodución de películas, ficcións e documentais, “cintas de...” e outras creacións seriais, inspiradas en crimes e asasinatos. Monstruo: la historia de Jeffry Dahmer, estreada o ano pasado en Netflix, quizais foi a mais sombría, perturbadora, macabra e desgarradora, e unha das máis logradas. Algunha serie documental como La chica del Vaticano ou ¿Donde está Marta?, puxo os focos sobre as novas investigacións e reabriron casos xudiciais. O true crime, cada día parece gañar mais público. Pero dentro desta macro oferta non todo vale. En moitos casos, esas producións non van máis aló do turismo macabro.

Neste sinistro panorama poboado de asasinos e psicópatas, Love & Death é a última, e está dispoñible en HBO Max. Sete capítulos de 50 minutos cada un a medio camiño entre o retrato social e a historia individual. Un true crime ficcionado que se estrea un ano despois de Candy, unha miniserie de 5 capítulos sobre a mesma protagonista.

Candy Montgomery foi unha ama de casa que se fixo famosa por asasinar con corenta e un machadazos a Betty Gore, á súa amiga e esposa do seu amante. Ambas residían en Wyllie, unha pequena e tediosa comunidade de Texas e formaban parte da Igrexa Metodista da zona. O crime, unha vez que saíu á luz, xerou un choque terrible na sociedade. Principalmente de etnia branca, aparentemente pacífica e relixiosa, a comunidade nunca viviu algo tan terrible. Ninguén podería explicar como un dos seus membros podería levar a cabo un asasinato tan atroz. Logo veu o xuízo, que foi aínda mais esmagador: Candy Montgomery foi absolta. O seu avogado, novato no ámbito penal, alegou que foi por defensa propia e o xurado –nove mulleres e tres homes– creulle.

Os primeiros capítulos de Love & Death mergúllannos nese pequeno recuncho burgués de Texas, evidenciando o día a día dos seus habitantes, as súas costumes e tradicións. A fotografía, os logrados decorados setenteiros e a banda sonora vintage cumpren con esa función. Ao mesmo tempo, os creadores de Big Little Lies e Nine Perfect Strangers preséntannos as personaxes principais. Candy Montgomery parece encarnar o prototipo da ama de casa perfecta: encárgase da colada, pasa horas cociñando e limpando a casa, atende aos fillos, participa no clube de lectura e no coro da igrexa. Cumpre coas súas tarefas dilixentemente ata que comeza a xurdirlle un desexo incontrolable de evasión. Así, toma a decisión de ter un romance co marido da súa mellor amiga, que acabará matando.

Os capítulos seguintes descríbenos esta aventura: unha exposición bastante real, ordinaria e gris dunha relación clandestina. O capítulo central vai sobre o asasinato e os dous finais sobre o xuízo. Resulta bastante claro o intento de retratar a Candy Montgomery case como un vítima do entorno e Betty Gore como unha muller deprimida, algo desquiciada e obsesionada por conseguir as atencións do marido. Para evadir desta gaiola de convencións, Candy Montgomery parece verse obrigada a actuar nas formas que vemos retratadas. Jesse Plemons (Allan Gore), Lily Rabe (Betty Gore) ou Patrick Fugit (Pat Montgomery) son críbles, pero a star Elizabeth Olsen, que interpreta a protagonista, non está exenta de tics caricaturais. O argumento resulta algo estirado. Hai situacións que se repiten sen xustificación. Nos últimos capítulos a serie despega, pero, en xeral, é a banda sonora a manter o pulso cando o ritmo decae. Definitivamente Love & Death non acaba de destacar dentro do variado panorama do subxénero true crime. Quizais, despois de Candy, non era tan necesaria, ou necesitaba dunha machada mais afiada e pesada en fase de escritura e montaxe.

Te puede interesar