Opinión

Eu capitán

Matteo Garrone forma parte da chamada ‘novísima ola’ de cineastas italianos que volveron a colocar, na primeira década do século XXI, o cine da península itálica ao máximo prestixio internacional. Garrone, xunto con Emanuele Crialese, Paolo Sorrentino, Giorgio Diritti ou Michelangelo Frammartino, estrearon a súa primeira longametraxe de ficción entre o 2000 e o 2005. A maior, Matteo Garrone, antes do éxito de L’imbalsamatore (2002) xa tiña dúas longametraxes documentais na súa filmografía: Terra di mezzo (1996) e Ospiti (1998). Este último, en especial, falaba da inmigración albanesa a través de dous curmáns adolescentes que loitaban día a día para integrarse nunha complexa realidade romana. Con Eu capitán, Matteo Garrone parece completar este percorrido comezado tres décadas antes. A súa última longametraxe podería ser o precuel de Ospiti. Atopámonos outra vez a dous curmáns adolescentes - esta vez senegalés - Seydou e Moussa. No filme, os mozos abandonan Dakar para emprender un camiño a través do deserto e do mar para chegar ata Sicilia.

Matteo Garrone realiza un enfoque diferente sobre a inmigración aos que estamos acostumados. Eu capitán é un filme que utiliza a épica e a aventura para contarnos a odisea contemporánea dos inmigrantes de última xeración. A ansia de liberdade, o entusiasmo xuvenil, e a esperanza dun futuro de éxitos, é o que move estes mozos cara ás ameazas do deserto, vivindo os horrores dos centros de detención en Libia e finalmente os perigos do mar. É unha cinta contada como un aventura clásica pero que non deixa de lado os horrores reais da travesía, que son as vivencias dos testemuños que axudaron a construír o guión e que tamén traballaron como extras. Seydou e Moussa teñen algún parecido tamén cos dous mozos fans de ‘Scarface’ de Gomorra. Os catro comparten a mesma amizade, inxenuidade e o entusiasmo soñador típico dos adolescentes que aínda descoñecen os perigos reais da vida. Garrone decide manterse enfocado sobre a mirada inocente de Seydou, así que afástase da violencia que normalmente caracterizou algunha das súas obras anteriores. Aínda que na secuencia do centro de detención líbico é imposible fuxir do horror, Garrone elixe o instrumento da imaxinación, colocando unha poética escena onírica, como antídoto as imaxes e ao sufrimento da tortura. Así o fai tamén no deserto, no momento máis dramático da travesía.

Diferente, valente, e absolutamente contemporánea, a cinta podería incluso ser educativa para aquelas novas xeracións, dun lado e doutro do Mediterráneo, que descoñecen os riscos destas viaxes. Os dous protagonistas son auténticas revelacións, encarnan con veracidade os rostros e as historias de miles e miles de invisibles, os que caeron pero tamén os sobrevividos. O filme gañou distintos premios internacionais: dous Leóns no último Festival de Venecia, incluíndo o de mellor dirección, o premio do público en San Sebastián e o de Mellor Película no Festival de Sevilla, entre outros. Acaba de obter unha nominación aos Óscar 2024 na categoría Mellor Película Estranxeira. Para apreciar aínda máis a súa idiosincrasia sería recomendable vela en VO subtitulada.

Te puede interesar