Opinión

“O home e o can”, neorrealismo á galega

“O home e o can”
photo_camera “O home e o can”

O neorealismo – en castelán con dos ‘r’ – foi un movemento cinematográfico nacido en Italia ao acabar a Segunda Guerra Mundial. O papel dos intelectuais, cineastas, guionistas e interpretes daquel momento histórico, foi o de reconstruír literalmente o imaxinario colectivo desde os escombros. Contar outra realidade con respecto ao relato imposto anteriormente polo réxime fascista. Cineastas como Roberto Rossellini ou Vittorio de Sica, guionistas como Sergio Amidei ou Cesare Zavattini e interpretes como Anna Magnani ou Lamberto Maggiorani, convertéronse nas caras máis visibles do movemento. O nearrealismo foi unha revolución ética que intentou transmitir esta imaxe renovada do País con historias cotiás e utilizando escenarios reais ao igual que actores non profesionais. As películas neorrealistas non escondían os seus recursos limitados, ao contrario, facían deles un punto de forza. 

Na estética e na ética neorrealista inspírase o filme galego O home e o can, a última longametraxe de Ángel de la Cruz. Manuel Manquiña interpreta a Manuel un home que non saíu nunca da súa aldea, na que vive en compañía do seu can, ata que un accidente obrígao a penetrarse na cidade en busca dun veterinario. No camiño atópase con Paula, quen foxe dun fogar desestructurado en busca da liberdade. Dous personaxes aparentemente antagónicos converteranse, sen esperalo, en amigos unidos pola soidade.

A película gravouse en distintos puntos da cidade de Ourense: o cemiterio de San Francisco, a Estación de Autobuses, As Burgas, o Colexio Josefinas e a Ponte Romana, entre outras localizacións. A fotografía crúa en branco e negro de Pablo Fontenla crea unha ponte entre aquelas películas italianas dos anos corenta e cincuenta e a Galicia actual máis marxinal. Ladrones de bicicletas (1948), Milagro en Milán (1951), e sobre todo Umberto D. (1952), son as referencias máis directas da cinta. 

Manuel Manquiña leva moi ben o peso dramático da historia pero a auténtica revelación é Paula Chaves, en arte Pauliña. A cantautora demostra un gran talento interpretativo encarnando un personaxe moi veraz. Ademais compuxo unha panxoliña para a banda sonora orixinal da película que aporta emotividade ao relato e que ademais converteuse nun videoclip que axudou na promoción do filme. 

Completan un reparto solvente Estíbaliz Veiga, Isabel Blanco, Gonzalo Uriarte e Vicente Montoto, entre outros.

O home e o can non é un filme perfecto ou excesivamente ambicioso, como non o eran as primeiras obras neorrealistas. Pero alí está outro dos seus puntos de forza. É un filme ‘pequeno’, honesto, sobre o illamento e a desesperación. Outra película máis que se suma ao gran momento que está a vivir o audiovisual galego. Outro filme que tamén seguirá programado en cines unha semana máis. 

Te puede interesar