Opinión

Os Oscar 2024: onde ver os premiados

Oscar 2024
photo_camera Oscar 2024

Os Oscar volveron a galardoar a tradición. Despois de varios palmarés que deixaron sorprendidos a moitos -especialmente o ano pasado coa comedia de ciencia ficción absurda de Todo a la vez en todas partes que arrasou nos premios principais- os recoñecementos cinematográficos máis importantes do mundo volveron a coincidir coas apostas. Como previsto, Oppenheimer de Cristopher Nolan foi a gran triunfadora alzándose con sete estatuillas: Mellor Película e Mellor Dirección, ademais de recibir os premios para os actores masculinos (Cillian Murphy no principal e Robert Downey Jr. no de reparto), Mellor Fotografía, Mellor Montaxe e Mellor Banda Sonora Orixinal. A película máis ambiciosa de Nolan xa se atopa en varias plataformas dixitais como Rakuten Tv, Apple Tv, Filmin, Movistar+ ou Amazon Prime Video. Aínda que o filme reestreouse nun puñado de salas de cine en España a semana pasada –tamén está programada no Galicine de Ourense– e, obviamente, a recomendación é vela en pantalla grande.

A gótica e alucinada Pobre Criaturas, un Bildungrsoman sobre a liberdade sexual dunha rapaza a finais do século XIX que pasa pola ciencia, o despertar político e uns pasteis de nata portugueses, foi a outra gran triunfadora desta edición dos Premios Oscar. A última longametraxe do grego Giorgos Lanthimos gañou un merecidísimo premio a Mellor Actriz Protagonista para Emma Stone –o segundo da súa carreira- ademais dos premios Mellor Maquillaxe, Mellor Deseño de Produción e Mellor Vestiario. O filme segue programado na carteleira do cinema comercial, e chega hoxe á plataforma dixital de Disney+.

O ambiguo thriller francés Anatomía de una caída dirixido por Justine Triet, inspirado na novela do recentemente falecido Martin Amis, gañou o premio á Mellor Guión. Foi unha das películas máis vistas de 2023 en Francia con máis dun millón de espectadores. En España chegou ás salas en decembro e aínda resiste na carteleira do cinema comercial. O 5 de abril estrearase na plataforma dixital de Filmin.

Outra película inspirada nunha novela de Amis é La zona de interés. A semana pasada, suxerín que podería ser a verdadeira sorpresa destes Oscar. E así foi. A película de Jonathan Glazer, unha obra sobre o holocausto desde un ousado e orixinal punto de vista, que non recorre á violencia explícita ou o melodrama, levouse as estatuillas a Mellor Película Internacional e Mellor Son. O filme cativou máis os académicos que La sociedad de la nieve de J. A. Bayona – dispoñible en Netflix – e esta última quedou finalmente sen premios. Con respecto ao galardón ao Mellor Son, recalcar que foi merecidísimo. O “irrepresentable”, a “traxedia que non se mostra visualmente”, en La zona de interés están relatados a través dun off arrepiante de disparos e gritos, un universo sonoro insoportable que fai de contrapunto ao mundo eficiente e aparentemente idílico contado polo filme. La zona de interés leva un tempo na carteleira e chegará á plataforma dixital de Filmin o 5 de abril. Mentres, sempre en Filmin, podedes xa atopar o documental gañador desta edición dos Premios Oscar, 20 días en Mariúpol de Mstyslav Chernov, unha necesaria e desoladora mirada sobre a guerra en Ucraína. Activista pacifista e moi crítico sobre os conflitos militares foi sempre o cineasta Hayao Miyazaki que levou o premio na categoría dedicada ao cine de animación. 

El chico y la garza quitou o Oscar ao bilbaíno Pablo Berger e a súa excelente Robot Dreams. Ambas películas están pendentes de estrea nas diversas plataformas que hai de streaming.

Te puede interesar