Opinión

O último rei do rock’n roll

Jerry Lee Lewis
photo_camera Jerry Lee Lewis

No 2022, aos 87 anos, morría o pianista, cantante e pioneiro do rock’n roll, Jerry Lee Lewis, o último sobrevivente do Million Dollar Quartet formado por Elvis Presley, Carl Perkins e Johnny Cash. Uns meses antes do seu falecemento estreábase en Cannes, Trouble in mind, un documento sobre a súa carreira e a volta ao cine de Ethan Coen que soaba xa case como un despedida anunciada. Finalmente o filme chega agora á España a través de Movistar+ co título Jerry Lee Lewis: música del diablo.

A vida do excéntrico artista de Luisiana xa foi retratada noutras obras. O máis coñecido é o biopic de Jim McBride do 1989, cun inspirado Dennis Quaid interpretando a Lewis e unha nova Winona Ryder no papel da súa esposa-curmá. Pero ao igual podemos lembrar a entretida serie Sun Records (2017), e a interpretación de Waylon Malloy Payne En la cuerda floja (2005) o biopic de James Mangold sobre Johnny Cash e June Carter. Así como a súa directa participación –lembrada no documental de Coen– nos créditos do b-movie High School Confidential (1988).

Para contar a vida e a obra de Jerry Lee Lewis, Ethan Coen elixiu xogar, antes de todo, coa súa extensa discografía. 30 temas en total, a case totalidade tocados en directo, desde a emotiva overture de She Even Woke Me Up to Say Goodbye na actuación do show de El Sullivan, a Another Place, Another Time, acompañando aos créditos finais. Un filme concerto, unha inmersión total na súa música, onde as letras das cancións dialogan coas declaracións do artista, e cun puñado doutros entrevistados. 

Jerry Lee Lewis: música del diablo é un filme de pouco máis dunha hora, aparentemente espido, conciso, pero cun material de arquivo moi potente e moi ben orquestrado. Podería ser a antítese do que fixo Baz Luhrman con Elvis Presley, no seu biopic babilónico de tres horas. No Elvis de Luhrman é case imposible chegar ao home detrás de “The Pelvis”. 

Jerry Lee Lewis: música del diablo reflicte a través dos ollos e das palabras do músico, o espírito contraditorio de ‘The Killer’, os seus excesos, éxitos e fracasos, como home e artista. Jerry Lee Lewis estaba obsesionado coa trancendencia espiritual pero viuse caer repetidamente nos brazos do vicio ou envolto a miúdo nas chamas do inferno. Na imposible conta dos seus infinitos altibaixos, os seus dedos nunca deixan de golpear salvaxemente as teclas do piano e a voz de berrar o xubilo e a dor. 

«Que é o rock’n roll? O rock’n roll son eu», contesta el, despois de dar a súa visión sobre outros xéneros musicais nacidos entre os anos corenta e sesenta. Aínda que, despois do escándalo do seu matrimonio coa súa curmá segunda, Myra Gale Brown, a súa exitosa carreira na música do rock parecía acabada. 

Como conta o irmá de Jerry Lee no documental: «Improvisamente pasou de gañar 10.000 dólares por noite a 200». Pero a mediados dos anos sesenta volveu ter éxito na música country, e caeu outra vez no alcolismo e no abuso de drogas. Desaparecido uns anos do mundo musical, volveu a reaparecer con Last Man Standing (2006) e Rock & Roll Time (2014) dúas obras magníficas, quizais os discos mellores da súa extensa e fluctuante carreira. 

No 2019, tras un ictus, aprendeu a tocar el piano outra vez, listo xa para gravar novos temas. Case no final, véselle nunha gravación recente de gospel co seu curmán, o evanxelista Jimmy Swaggart baixo ou título de The Boys from Ferryday. As mans engurradas, esqueléticas, aferrándose ao teclado, desafiando o compás, e súa voz que segue alí, atrapada maxicamente na adolecencia. A mirada alcanzando xa o infinito, e máis alá.

Te puede interesar