Opinión

A dúbida e a culpa

Ao tempo que os versos de Xela Arias voarán hoxe sobre os recunchos máis alonxados desta terra para agasallar con apertas de verbas a quen os escoite, a mín chéganme ecos dunha culpa sen nome e inquedanzas dunha dúbida vella. Acontece cada ano, acontece cada 17 de maio... 

Toca escribir e abrolla a gran pregunta: teño dereito a facelo en galego hoxe? Sínto que non hai máis resposta posíbel cun si, aínda así invádeme a sensación de ser unha grande impostora. Miña amiga soa en galego, (Elena é a miña particular correctora da lingua), os bicos saben a galego, a música que me fai bailar coma Carolina ten sons desta terra, a escrita que me leva a outras vidas ten nomes galegos, como algúns encontros e desencontros, coma algunhas bágoas e algúns sorrisos...

Así que escoito, leo e ás veces falo en galego, ou a algo que se lle asemella, pero non son quen de escribilo, porque cometo demasiados erros que entendo coma unha afrenta para calquera lingua. Por eso a miña gran dúbida é se é lícito que eu escriba, nun día como hoxe, en galego, aínda que sexa co único desexo de homenaxear, ou se é un acto de apropiación inxusta. 

Aparece entón a culpa. Como e posíbel que aínda non teña dominada a gramática galega? Como foi que nestes anos o tempo voara sen asentar as regras dunha lingua nova no meu cerebro? Non atopo as respostas axeitadas, aínda que recoñezo no espello de Alicia o tempo da vida que me foi sumando vergonza ante posibles erros, que ficaron paralizantes. 

Aínda que maioritariamente penso en castelán, o meu particular universo de sentimentos e palabras está cheo doutras falas que me acompañaron ao longo de xa moitas décadas. 

Nacín en asturiano, na llingua que agora busca a súa oficialidade e coa que os meus seres máis queridos me acariñaban; medrei co alemán das miñas amigas de infancia e das primeiras aulas; repetía verbas e cancións en euskera nos anos de universidade, mentres buscábamos atoparnos nun futuro, e acabei mesturando o galego na estrea de traballo e vida adulta. 

Aprendín o amplo que é o mundo e tamén o importante que é a lingua de cadaquén. Que hai verbas que non teñen tradución, que están feitas da cor, do son, do corazón dun pobo e iso só se pode recoñecer se te mergullas nel, sen prexuízos.

Permítanme dicilo: Feliz Día das Letras Galegas e lean a Xela Arias.

Te puede interesar