Opinión

UN ANO DE RETOS E DE OPORTUNIDADES

Vimos de pechar un ano en xeral adverso con moitas das nosas esperanzas postas no seguinte, mais coa sensación de estarmos a asistir a un dejà vu. Dalgún xeito, os eixos principais do debate económico (déficit público, mercado laboral, pensións, sector inmobiliario e débeda pública e privada) seguen a ser os mesmos que ocupaban as portadas hai agora un ano, sen que se aprecien cambios significativos. Así, ao longo dos doce meses vindeiros afondaremos nas reformas económicas xa iniciadas (dependencia enerxética, mercado laboral e pensións) e comezaremos a debater a posibilidade de abordar, con seriedade, outras (sanidade, educación e, en xeral, produtividade e competitividade).


No eido público, 2011 perfílase como un ano de consolidación contable. E, moi posiblemente, como un ano de renovación e de revisión funcional e organizativa co gallo (e tamén a necesidade) de adaptar o funcionamento das múltiples estruturas administrativas á severidade coa que se están a desenvolver os acontecementos. De xeito ben semellante encara, pola súa banda, o exercicio o sector financeiro. De maneira especial o mosaico das caixas de aforros, que presumía ata hai ben pouco de dispoñer dunha singularidade agora ameazada. Os expertos alertan da posibilidade de que se vexan obrigadas a asumir, e recoñecer, perdas (mil) millonarias por mor da súa exposición inmobiliaria, e do inxente volume de financiamento comprometido nunha chea de obras de urbanización e construción onde, tres anos despois de iniciada a crise, o formigón e o asfalto se teñen convertido en testemuñas mudas do desastre. En resumidas contas, as secuelas do deterioro residencial introducirán maior presión para retirar o velo que as separa da banca, so pena de nacionalización.


Pero non todo é sombrío. Para as grandes corporacións cotizadas e as empresas españolas máis internacionalizadas e de máis sólida presenza exterior, o exercicio preséntase cheo de oportunidades para os seus negocios e para reforzar a marca España. Ao que tamén contribuirá, sen lugar a dúbidas, o noso deporte. En disciplinas individuais ou por equipas, os nosos proporcionarán éxitos renovados e intres de orgullo colectivo. Aínda que tamén destelos fugaces dun pasado mellor.

Te puede interesar