Opinión

Felix Dies Natalis, Acisclo!

Unha exposición como unha boa fornada de Pan de Cea das de antes, cando non se pesaba a masa e as poias ían ao xeito de cada panadeira. Polo tacto. Era coñecido o bo facer da señora Esperanza, da Gabriela ou da Rosa, e non soamente por facelas maiores co miolo esponxoso e a codia no punto. Mais todas amasaban no taboleiro, cada día, en horas sen taxa, sistema que ten visto Acisclo decote nalgunha das súas sucesoras, nos novos fornos, pois vive e traballa dende fai lustros preto da vila que concentra esta actividade familiar, principalmente, un referente de calidade en todo o Antigo Reino. O noso escultor amasa tamén no seu obradoiro, mais trátase da terracota, que usa coa habelencia de mestre dende que comezou a facelo nas Baleares, en concreto en Ibiza, en Can Senyora en San Rafael de Sa Creu, onde viviu un tempo co seu amigo Xaime Quesada. Alí, na branca e luminosa terra das Pitiusas, naceron entre outras obras como Dona dos oito, 1989, e as Baleas, expostas en conxunto con aquel nos primeiros tempos do Parlamento de Galicia na rúa do Horreo compostelán, e alí seguen, para admiración de propios e alleos. Esta última é unha peza con catro caras e está precisamente nunha sala de reunións dos parlamentarios.

Na canteira de Can Negre, no centro da illa, acha así Acisclo o seu material de traballo característico, o barro, que será dende os inicios dos anos setenta o medio plástico que o define até hoxe en día, malia traballar co de Niñodaguia, principalmente, o escultor aínda devece polo ibicenco.

Aparece así o escultor coñecido e recoñecible que, sen perder de vista a poesía do corpo, traballa preto do concepto da abstracción para amosar con delicadeza formas figurativas femininas. Atrás queda pois a talla en madeira dos primeiros tempos, material monográfico do Fray Escoba, de 1964, San Sebastián, o propio busto de Quesada, que ten unha fenda e sutil policromía ou Familia, formas sólidas moi apegadas ao bloque, que foi deixando pola arxila e a terracota, desaparecendo de contado as formas espesas por finos relevos ondulantes, suxestivos e orgánicos. Comparten así o espazo, coa Dama de Montalegre, o Vixiante e outras que os prestadores institucionais e particulares deixaron para esta mostra irrepetible que deixa unha pegada do seu ronsel de fondo alento. A mostra áchase na sala de Afundación na Praza Maior e foi coordinada por Mercedes Rozas en calidade de comisaria.

Son anos dende a primeira exposición no Liceo en 1960. E danlle importantes premios de contado, caso do Nacional de escultura e a Medalla de Ouro ás Artes en 1962, galardón que leva de novo ao ano seguinte e ademais o premio extraordinario de Arte Juvenil; obtendo en 1968 o Nacional de Escultura. Xa tiña andado camiño co Grupo Volter na compaña de Quesada e Xosé Luís de Dios dende 1963, ano da morte do seu inspirador Vicente Risco, un renovar a arte dende a Atenas de Galicia. Ao saírmos da sala facemos un tour polas súas pezas permanentes na Burga, o Paseo, Galerías Sol ou a da fachada dun edificio de Xoan XXIII. Acisclo Rogelio Manzano Freire naceu o 6 de maio de 1940 en Ourense. Era luns. Hoxe tamén...

Te puede interesar