Opinión

Miguel Mosquera, Revisiön beneïda en Dodo Dadá

A entrada da nova Galería.
photo_camera A entrada da nova Galería.

Eche o que hai. Desde 1971, en que comezou a amosar a súa arte no Volter do Tucho, e o Museo arqueolóxico dous anos despois, e 1977, moita auga ten pasado pola ponte vella e na vida de Miguel Ángel Mosquera García (n. 1953, Ourense). Foi despegando na súa arte e vida nos anos oitenta até 1992, sendo seleccionado para o Pavillón de Galicia na Expo de Sevilla, ademais de participar en Arco coa Galería Trinta. Foron aqueles os tempos do “Ay meu Ourense” no Museo Municipal ou S.P. no Museo Arqueolóxico, unha colectiva na que tunearon urinarios duchamp style, un espello para a última década do XXI... Miguel, foi medrando dende a trébede familia, traballo e arte, facendo en 2003 na Marisa Marimón de Cardenal Quiroga Jazz-fussion + emerxencia e indo de novo a Arco coa galería. En 2010 no CCMV con Nun lugar do mundo, e en 2014 no Marco vigués. Polo medio, Galicia Terra única; Auria, Cien obras maestras del arte de Ourense e a súa biografía en Galicia Edicións. Camilo Franco, cóidao nalgún destes últimos textos, como agora nesta Revisión bendita 1980-2021 no tríptico de sala deste engaiolante proxecto artístico xurdido en Liberdade, 32, na trama urbana antiga.

Eis a necesidade de recoñecerse, e de autoestima, rodeado das súas icónicas obras e dos seus, observando e sentindo o impacto no canto de abrir esta nova proposta expositiva entre nós, que hai xa máis de dous lustros, unha eternidade, non contemplabamos. Hai, como non podía ser doutro xeito nel, un xogo de dobres sentidos, retranca e ironía, facendo linguaxe coas súas ensamblaxes abstractas con madeiras diversas, estruturas poéticas nas que a cor é como un seixo, para engadir noutras composicións imaxes extraídas de fotos ou dos media, en conxunción cunha cor plana. Con poesía e jazz, sempre. Ultimamente fixera en Ribeira unha exposición con serigrafía, poemas e caixas de memoria con cinsas dos incendios en 2017 e 2020 en Ourense.

GALERÍA DE ARTE DODO DADÁ

Ou DODA doDá, léndoo de arriba abaixo, que tanto monta, dende o xogo de palabras que se pode ler neste ensamblaxe conceptual dos seus dous promotores, Xosé Vilamoure (n.1967), artista de ampla traxectoria expositiva que gusta de traballar en series, caso da súa máis recente exposición, Animais en perigo de extinción, 2018, en Alterarte; e a pintora Marita Carmona (n.1975), que expón dende fins dos noventa, e que fixo a súa primeira mostra en Ourense en 2020, Humo, no Espazo de Arte RV. Con entrada pola praza Saco e Arce, o espazo nace para as exposicións plásticas, ante todo, e talleres de artista. Así será dende a conexión persoal e emocional con eles, pois pretenden que o que fan lles aporte, ademais do público da cidade. Apostando por un novo coleccionismo clientelar con bos prezos e tamén unha actitude, camiño de varias direccións que se abre dende o elenco de artistas ata un público diverso, tamén no económico. Máis ámbolos dous darán tamén clases de pintura, plus de acción na plástica e no educativo. E ademais outras propostas culturais que atopen no seu camiñar conxunto, caso da primeira estes pasados días coa presentación do libro de poemas de Iria Bragado, Versos violentos. De seguro que haberá tamén música.

Te puede interesar