Opinión

Montse Gutiérrez en Allariz, Lola Doporto en Celanova

Obras de Montse Gutiérrez en Allariz.jpg_web
photo_camera Obras de Montse Gutiérrez en Allariz.

Con “Mulleres na cociña e outras dores de cabeza” entra de novo a artista ferrolán Montserrat Gutiérrez Valerio (n.1960, O Seixo, Mugardos, A Coruña) na sala de exposicións da Fundación Vicente Risco, que xa coñece dende 2015 en que estivera con Sons de choiva no Noroeste. E faino desta volta poñendo un foco vindicativo nas accións domésticas femininas.

Utiliza a artista icónicas imaxes de actrices do Hollywood da idade de ouro, a gran Marilyn e quizais Jane Rusell, coa que compartira protagonismo en Os homes prefírenas loiras; Lauren Bacall, Greta Garbo, Bette Davis e Shirley Temple, a nena prodixio dos dourados rizos. Elas como fantasía, imaxes de glamour para apelar á identificación feminina dende o seu triunfo no celuloide utilizadas para a publicidade empresarial. Así foron enchéndose as casas de aspiradoras, lavadoras, pranchas e sopa en conserva para facerlle mais doados os traballos da vida doméstica ás mulleres, imaxe de modernidade dos fogares repetida como paradigma en toda Europa occidental.

O cambio técnico mudou costumes, ancheándose coas radios e televisores, abríndoselles os ollos sobre a súa situación e facéndolles darse conta da ausencia de vida privada. Eis o inicio da conciencia do malestar que dende os anos cincuenta analizan a psicóloga social Betty Friedan e a filósofa Simone de Beauvoir e que amosan a burbulla paternalista. Nela incide Gutiérrez xuntando aquelas con mulleres do común para denuncialo nas súas obras, con textos en inglés tipo i cant do it cun se vende patriarcado. Faltoulle engadir a esta profesora de Debuxo nun IES, licenciada na Politècnica de València, Facultat de San Carlos de Belas Artes, o do cuarto propio de Virginia Woolf. A exposición ben de exhibirse na Casa da Granja, Amarante, Portugal. 

Na sala dos arcos en Celanova

Lola (Dolores Doporto Nogueira, n.1971) achégase á sala municipal deste concello para presentar unha asisada mostra do seu arte elaborando as iconas máis sobranceiras dela, os retratos dos poetas Celso Emilio Ferreiro e Curros Enríquez. Compuxo ademais dous manequíns a tamaño real, tal como nas anteriores exposicións, caso do CCMV ou en Afundación de Vigo, para facer presentes en volume a Rosa e Martiño, co que quere aludir ao impacto que tivo ao coñecer a lenda da Virxe do Cristal nos arredores de Vilanova dos Infantes, e os seus amores tráxicos, aínda que bote en falta a Xan de Bentraces, o axente celoso e velenoso. Finalmente, o de San Rosendo, inspirado na súa estatua barroca, e o do famoso gaiteiro de Penalta. Arredor deles fixo unha escolla das súas obras anteriores “para dar a conocer mi obra en esta tierra, que abarca desde mi primera etapa hasta actualidad”, dixo na presentación.

Te puede interesar