Opinión

Moxom e Canicoba, dous artistas para unha sala

Canicoba falando diante da Tía Saturnina.
photo_camera Canicoba falando diante da Tía Saturnina.

A sorpresa de ver ao Canicoba sen motoserra e de parola deixoume sen palabras e apenas puiden balbucir un bo día, que eles ían ao seu e nos eramos uns peregrinos máis aquela mañá de sábado en que baixabamos amodo deixando atrás o gran viaduto do Ulla. A estrada de gran pendente pasa diante da ermida do Gundián, territorio atávico de Vedra que se mete en Pontevedra como parte das posesións de san Xoán da Cova, mosteiro desaparecido o domingo 18 de febreiro de 1571, segundo a gran enchenta do río que anota o cóengo López Ferreiro. Home parco no falar, Tino “Canicoba” (Constantino González González, Santiago, n. 1955), exprésao na súa traxectoria plástica, polo menos dende que a retoma en 2013, logo de parar na súa actividade expositiva no entorno do cambio de século, que viña facendo unha década antes. Gusta de expoñer con colegas, caso de Chelo Rodríguez, no comezo do Canicoba 2.0, ou Antón Sobral. As individuais retomounas en Vigo, onde vive, en 2014, expoñendo dende entón catro veces, unha delas na Galería Visol de Ourense. Dende o desbaste coa motoserra, pezas de considerable porte nas que privilexia o xesto de talla directa, policroma a madeira coas que as viste con roupas, xerando unha narrativa co atrezzo das figuras, con bolsos ou  sombreiros. Ás veces engádelle elementos adxectivos, un banco ou outro  mobiliario, xerando unha situación efectista, teatral, potenciando o drama. Son, no fondo, estas pezas un tour de force expresivo que xera tensión, e reflicten anguria. Hainas tamén que expresan metáforas, como a do gorila na gaiola. Máis é a ironía, de seu, auto referencial, ao xeito que de Antonio  Machado, “converso con el hombre que siempre va conmigo”, pois “mi soliloquio es plática con ese buen amigo”. Así no asno con mans que turra de si mesmo como o Barón de Münchhausen e leva sela, ou a figura humana que porta a súa cabeza asnal en bandeixa noutra, retórica de personificación.  

As pezas de Moxom (José Manuel Rodríguez Mojón, n. 1964) son talla a navalla  dende ramas e pequenos troncos que atopa ou obsequian, no seu radio vital de Montederramo, Vilariño de Conso e arredores, objéts trouvés nos que sabe ver o encanto duns seres contrafeitos, potenciando con engadidos e rechamantes cores o seu ser malferido, gustando de representar neles o movemento. Son pezas polo xeral de pequeno tamaño nas que traballa dende o que chaman upcycling no mundo da moda, isto é, a transformación dun produto noutro diferente para darlle un valor engadido a tódalas pequenas figuras de muller. Máis que reciclar, nese medio é un novo estilismo creativo dende cortar e unir, que ven sendo o que fai. Outros son os conxuntos nos que xoga co concepto do arboretum de bonsai, troncos rectos e cabezas que case se tocan, buscando a maior visibilidade dos grupos pechados cun espello, recurso de escaparate efectista que lle da outro ser e perspectiva. E aínda que o seu é a silueta tenta o sólido nos bustos... 

Do estatismo anguriado do bosque, prosopopeya de transferencia, e a gravedade de Canicoba ao movemento e lixeireza co sorriso na delicadeza feminina en Moxom, que acha nos salgueiros e a policromía o seu encanto. Os dous na sala 1 do CCMV.

Te puede interesar