Opinión

NACE 'ARTE MUD'

Un grupo de artistas que se autodenominan 'Arte Mud' vota a camiñar. Dende o subtítulo 'arte en risco' deixan ver o fío que os une: 'Arte en Risco' (Vicente, of course!: in Allariz foundation). Saen á area artística co 'Protocolo de emerxencia para acometer muíños', a modo de presentación que non pretende ser un manifesto. Por máis que resulta selo. O xogo intelectual está na orixe o que é o aggiornamento dos Dadaístas cando dicían que o seu manifesto era un antimanifesto. O seu remuíño/ maelstrom se explicita dende o 'xira-xira, engule ironía, humor, tranvía', unha 'xiratoria saudade' unha compulsión que é tamén reflexión. Mud Dadá pois, 'a infinita calma de alomenos unha décima de segundo', que o tempo é eterno ('la vida es eterna ?en cinco minutos', deixou dito Víctor Jara, cando hai amor...).


Son artistas coñecidos, varios deles, con traxectorias que se aproximan de cando en vez nunha mostra, como Manolo Figueiras e Miguel Karballo, nestes días na galería Visol de Ourense. Este cos seus frescos, algún deles xa visto naquela sala, aquel dende o erudito contido literario. Con chinesa tinta e cores de acuarela debuxa Eva Casado os ritos dos nosos mitos. E Sula Repani faino dende a súa natureza vivida cos pigmentos dos mares gregos. Outras son as cores-luz de Raúl Diniz, brasileño do São Paulo tropical, prestixiado artista carnavalesco.




Máis exposicións


Están Antonio Soria, figurativo catalán, e o alaricano Xavier Varela, coa paisaxe urbana; e Seo, que se inspira nas filosóficas formas dos abstractos por máis que traia unha obra evoca o Barroco. Xavier Cuiñas, e o seu mundo de micro megas; Jorge Varela, constructor de obxectos-corpo ideolóxicos; e Xaime Piñeiro, o máis ArteMud, con escultura-cerámica e pintura, de fondo alento. Logo da exposición inaugural seguirán outras, temáticas, como Mito e Horizonte ou O Canto da Serea e Diálogos. As mesas redondas específicas no seu decurso e os obradoiros para nenos son unha expansión do Show, a Maré Mud.


Xúntanse nun compartir dende as diferenzas, como na inauguración cando entraban cada un deles con pan, doces, viño, paté caseiro, tortilla, queixo e viños, variados e distintos: daquí sairá un dicir dende eles mesmos ('Figuración, Simbolismo, textura, tactilidade, a guerra, a espada, o tendón de Aquiles, os guerreiros de Armea, un castro, a túa infancia, lembrarse', e tamén 'Buques trasatlánticos, veleiros mediterráneos, piraguas baixo as pontes do Arnoia... Grecia, Sudamérica, Galicia') con visións de seu (esencialidade, ensoñación, construtivismo, concepto, intuición...: Mito, Cosmos, Abstracción, Oriente, o Carnaval, o Océano, os Atlantes, a Auga. Pureza, idealización, esquematismo). Unha interrelación holística como Explosión Mud, unidade dende as diferenzas, como a das ondas do océano: son todo a mesma auga. Eles se preguntan: 'Nós: inadaptados, inadaptábeis?' A resposta está na música do martelo de Hefesto. No ronsel de Mil, fillo de Ith, fillo de Breogán, un retorno cara Santo André de Teixido no camiño da branca luz da noite.

Te puede interesar