Opinión

NEVES SEARA E AS ARTES PLÁSTICAS

O primeiro premio da convocatoria na súa duodécima edición foi, segundo o Jury, para Miren Xare Álvarez Beracoechea. Esta artista concursa de novo acadando agora coa súa obra 'Easting Northing Elevation' o máximo galardón. A súa entrega -sen protocolo, unha vez máis-, ofrece unha feble imaxe institucional cara o exterior do noso País, Galicia. O Certame da Deputación provincial é de Artes Plásticas, agora que vai mudar a súa periodicidade a dous anos, é unha oportunidade doada para introducir outros cambios nas bases, como o da idade límite -que ben podía ser de trinta e cinco (como no de Xixón ou o da Universidade Complutense)-, podéndose engadir incluso algo relativo á responsabilidade das obras, a residencia dos artistas ou se poden concursar unha vez premiados. A modo de fin de ciclo sería de interese unha exposición cos premiados de todos estes anos, recapitulación onde ver o ronsel dela e reflexión para o futuro.


A artista agora premiada chega dende o País Vasco, e trae unha instalación de escaiola con litografía transferida a papel, unha reflexión sobre territorios e espazos xeográficos segundo se ten divulgado, pero... de onde? O terceiro premio foi para Alexandre Prada por 'Cómprate una vida', obra dixital en lenzo na que unha figura humana sen atributos mira indecisa ante un xigantesco andel de súper ateigado de aparatos, casas e homes como obxectos que poden ser mercados. Mais, quén os fabrica en serie? Os dous accésits foron para o ourensán Fernando Durán -primeiro premio o ano pasado-; e Pilar Boullosa con 'Belleza forzada', instalación con singular chaqueta de forza e unha muller con ela que oculta a cara nas fotos. Metáfora dun amplo sentir é a obra de Ana Belén González 'Hicimos los deberes! Ahora maletas jóvenes', a 'emigración de cerebros', chamada con retranca 'mobilidade exterior'.


Neves Seara Palacio, segundo premio


'Golondrinas I.Olor a verano' é unha engaiolante e sutil obra, que xurde como froita madura da exposición 'En el corazón de los pájaros', na compostelana Galería 9the13. Dende o seu sinestésico nome, evocación dunha experiencia nun tempo especial para ela, confesa: 'Es de una serie de obras en las que me centré en la belleza de las pequeñas cosas, en los alientos, parpadeos, aleteos, que podemos rememorar si cerramos los ojos'. Por elo o collage e acuarela que utiliza. É estraño cómo queda a sensibilidade fixada nas materias e establecen con ela afinidades que nunca se esvaen. Unha obra que nos permite achegarmos ao mundo desta xove artista compostelana, de orixe ourensá. Alí ten esta especialista en Museografía e Museología licenciada en escenografía o 'Aire centro de Arte'. No seu currículo consta cómo ten participado en diversas mostras colectivas, nalgún dos casos no estranxeiro: Vigo, Madrid, Córdoba, Bruxelas, Londres, Lisboa ou La Habana. As individuais teñen sido no Casino de La Toja e nas Galerías santiaguesas E48 e Metro. Mais o seu percorrido vital de vasos comunicantes non fixo máis que iniciarse.

Te puede interesar