Opinión

A nova imaxe de Ourense nunha exposición fulcral

Ocaña Martínez, escaparate de Adolfo Domínguez, do tríptico En la ciudad, 1986-87.
photo_camera Ocaña Martínez, escaparate de Adolfo Domínguez, do tríptico En la ciudad, 1986-87.

Ourense no Tempo ateiga nos dous andares da sala de Afundación unha mostra de esencias de Ourense cidade, máis de cen escollidas pezas, con documentos de arquivo e achados arqueolóxicos, lectura para iniciados con breves e explícitas cartelas que axudan a contextualizalas. Eis un discurso narrativo no que as imaxes son miliarios de memoria do noso burgo de asentamento romano e medieval, arredor das augas salutíferas. As imaxinativas imaxes de Miguel Robledo dos mananciais das augas quentes minero-medicinais das Burgas, traballo secuencial que conclúe coa monumental Burga decimonónica de abaixo como marca de auga da cidade actual, e o seu skyline por tras, dende o ciborio e a torre das campás da catedral, na Idade Moderna, á torre de Alés Reinlein de finais dos anos da década de 1960. E con aquela a ara dedicada ás ninfas por Calpurnia Abana, e a de Tito Flavio a Revve, divindade das augas, achada fai poucos anos. Mágoa a presenza do Santiago peregrino medieval en acibeche, mais o seu estado de conservación impediuno, exemplo dos descartes que a equipa da exposición, cos doutores Manuel Gago e José María Eguileta á fronte, tiveron que facer.

O antigo brasón da cidade, de 1585, co león coroado e erguido, coa a lingua fora, e brandindo a espada, símbolo rexio coa lenda POR EI REI, é imaxe simbólica dende a Idade Media. Nun manuscrito a praza maior na centuria XVIII coas casas con soportais, nunha das que vivía María de Villamarín, e no andar superior Andrés de Gaioso, importantes apelidos nobiliarios locais, e as trazas de 1785 do peche do patín novo catedralicio, do arquitecto do mosteiro de Celanova frei Plácido Iglesias. Deste século é a fonte do primeiro claustro de Oseira, que os máis vellos lembrarán que estivo no bosque do Posío, e alí pintouna Virxilio Blanco en 1931. Hoxe na praza bispal de monseñor Cesáreo onde se puxo onde estivera Concepción Arenal, trasladada fronte do edificio xudicial, preto do centenario colexio Salesiano desde 2010 na noutrora fábrica de curtidos da Ponte Vella. Desta hai na exposición un sobranceiro debuxo de Agustín Cousiño,1738, aínda coa torre; ponte pintada polo carballiñés Antonio Cendón entre 1850-1863, de quen é a vista coetánea de Ourense coa Deputación coa bandeira de España ondeando e no monte o convento franciscano coa torre.

Peche do patín novo catedralicio, Frei Plácido Iglesias, 1785.
Peche do patín novo catedralicio, Frei Plácido Iglesias, 1785.

Ou a reforma do baixo da xoiería Ángel en 1934 polo arquitecto Haugat, en Lamas Carvajal, que competía coa da rúa da Paz, de Odilo Fernández, 1928, que se publicitaba daquela na revista Nós, o boletín oficial da cultura galega. Da expansión urbanística cara o N. son mostras a tenda de moda de Adolfo Domínguez vista dende a avda. da Habana na peza central do tríptico de Ocaña Martínez, e a igrexa das Lagoas de Luís Chao e Garayzábal; e do outro lado do Miño, concello de Canedo, até 1943, do que se amosa unha tapa de sumidoiro do comezo da IIª República. O enterro de Otero Pedrayo o luns santo de 1976 vino na TV dende Valencia facendo unha viaxe universitaria, outro milagre de Don Ramón, título do cadro de X. Conde do ano seguinte co cadaleito saíndo da catedral coa bandeira galega. Ogallá o Patriarca das Letras no Panteón dos Galegos Ilustres...

Igrexa Cristo Rei, de Luís Chao e Garayzábal.
Igrexa Cristo Rei, de Luís Chao e Garayzábal.

Te puede interesar