Opinión

Suxestións de Entroido para mobiliario segundo Piquico

A Pantalla de Xinzo convertida nunha libeliña lámpada.
photo_camera A Pantalla de Xinzo convertida nunha libeliña lámpada.

Mobles-esculturas baseados nas icónicas representacións do Entroido na provincia, principalmente, amosan a creatividade de Ángel Manuel Rodríguez Romero, alias Piquico (n.1965, Ourense). Considerado en Vigo como pintor e escultor local, por máis que o vencello seu de sempre sexa, dende as raíces familiares, a senlleira vila de Viana nas terras do Bolo, no montuoso leste provincial. É, como Antón Pulido, Bieito Ledo ou Xulio Gil, que son tan de Vigo que son de Ourense. 

A obra que amosa no multiusos cultural da Deputación provincial este profesor de instituto en Vigo, licenciado en BB.AA. na  Complutense, deuse a coñecer na sala municipal de Monterrei a finais de 2021, mostra na que o artista deu a coñecer tamén as súas acaídas pinturas, de intensas cores, traendo agora a Ourense unicamente as pezas de madeira. Parte o escultor do Entroido e das súas figuras totem, ante todo os da súa terra, os Boteiros coa súa monca e a mula, e os das comarcas do redor, Mázcara de Manzaneda, Peliqueiro de Laza, Felo de Maceda, Pantalla de Xinzo, Cigarrón de Verín... aos que engade a Pita de as Eiroás, a Labardeira de Mugares e o Felo de Boborás, e ademais o cabalo dos xenerais do Ulla e o Merdeiro de Vigo, que transforma-transmuta en mobiliario de rechamantes cores, aquel un botelleiro, este unha mesa, e outros cadeiras, espellos, aparadores, repisas ou lámpadas de pé. Velaquí o seu xogo escultórico-artístico sen perder a esencia de raíz antropomorfa das senlleiras formas que, sempre en movemento subversivo da troula entroideira, converte en útiles estáticos para o fogar. Son de destacar as calidades táctiles da súa carpintería e ebanistería con madeiras escollidas de piñeiro, castiñeiro ou cereixo, que combina con louxa, mármore e granito no “pajarraco” de Carracedo da Serra e Vilariño de Conso. Son pezas orgánicas figurativo-xeométricas, nas que especula coas cores e a ensamblaxe, en crave necesariamente cubista e surrealista, achegándose aos territorios da decoración. 

Xa o catalán Salvador Dalí tiña experimentado dende o surrealista en 1936 o concepto das figuras con caixóns na Xirafa en chamas ou a Venus de Milo con caixóns a medio abrir, e que só o psicoanálise é quen de interpretar. E tamén o escritorio antropomórfico. Máis preto de nós, Francisco Pazos (n.1961), un dos grandes escultores galegos, ten feito nos anos noventa mobles patchwork tanto na estrutura como nas cores, que sendo armarios ou mesas seguen a ser esculturas, que combina con formigón ou aluminio en buscadas asimetrías. E se en Dalí foi un trasunto persoal da súa psique mesturada co movemento surreal as obras de arte de Pazos son creatividade ex novo. Ámbolos semellan horizonte para Rodríguez Romero quen parte das figuras ancestrais que non se disfrazan no tempo anual de Entroido, antes ben vístense... Máis a peza estelar é a Fonte-rotonda, síntese holística de oito diferentes figuras tradicionais da gran festa dos días previos á Coresma no chafariz, e tamén comida, que coroa o Boteiro, sendo a pía de base un bombo. Cada peza é como unha nota aillada dunha melodía, sen significado de seu, máis a inspiración da fonte é, en si mesma unha melodía do Entroido no espazo. Eis Entroido, Mobiliario vestido, exposición no hall do CCMV, que continua na sala 0.

Te puede interesar