Opinión

O ano no que Best e Cruyff non xogaron xuntos

Puido pasar. Estiveron ben preto pero Best non aguantou, e cando “O Fraco” chegou a Os Ánxeles Aztecas xa era tarde. Imaxinan unha dianteira Georgie Best-Johan Cruyff? Best marchou no 1978 farto da falla de profesionalidade do corpo técnico, e no 1979 chegaron Cruyff, como xogador, e Rinhus Michels, como manager, é dicir: o executor e o arquitecto do fútbol total. Puido ser… pero non foi, mágoa.

Imos ao comezo. Nova York foi Nova Amsterdam ata 1674. De feito Wall Street (a rúa do muro) se chama así polo valado que levantaron os holandeses naquel tempo para se defender dos ataques dos indios Lenape. Tres séculos despois, en 1978, chegou a Nova York outro dos holandeses máis importantes que pisaron este país: Johan Cruyff… e saben quen lle deu a benvida á cidade? Un galego, Santiago Formoso. Formoso, de Vigo, era a estrela española nun equipo de estrelas mundiais como Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto, Chinaglia, Neeskens… ese equipo era o Cosmos e metía no campo dos Giants 80.000 persoas fai 35 anos. Cifras ás que nin se achegan os equipos de Beckham, Drogba, Villa, Pirlo ou Raúl, que se retirou a ano pasado precisamente no Cosmos.

Por certo, a NASL (onde xogou Raúl) e a MLS (onde xoga Villa) son dúas ligas diferentes. Non son dúas divisións dunha mesma liga. Non teñen nada que ver a nivel de organización e, agora mesmo, a máis potente en canto á calidade e economicamente para as súas estrelas é a MLS. Malia isto, o Cosmos segue a ser o embaixador do fútbol (soccer) americano. Xa exercía este papel nos anos 70. Foi o primeiro equipo profesional estadounidense en entrar na China de Mao, e o primeiro equipo tamén o ano pasado en viaxar a Cuba, logo de que Washington e a Habana retomaran as relacións diplomáticas.

A historia de Santiago Formoso será levada á pantalla grande no documental “Alén do Cosmos”, do xornalista galego Pedro Pablo Alonso, e esta parte da benvida a Cruyff só é un pequenísimo petisco. Formoso é un dos grandes do noso fútbol e merece un artigo e unha película de seu… así que, volvemos ao eterno “14”. Seu paso por Nova York foi efémero. Pese a que o Cosmos tiña os seus dereitos, apenas xogou un par de amigables e marchou cara ao Os Ánxeles. A NASL quería fomentar a competencia entre as grandes urbes das dúas costas… e a Nova York acababa de chegar o “Kaiser”.

Do outro lado do país, na cidade californiana, estaba Georgie Best, o mito, o quinto Beatle… pero non aguantou ata a chegada de Cruyff. Foi cousa de meses. Por certo, outro británico que tamén estaba por Estados Unidos daquela quizais tamén lles soe… sir Booby Moore. Case nada. Best, marchou dos Aztecas e Cruyff xogou a súa primeira temporada nun fútbol inferior ao que viña afeito. Estivo un ano en L.A., marcou 14 goles e puxo camiño a Washington onde xogou dúas temporadas. Cruyff entrou no All Star da NASL pero os seus equipos nunca puideron gañar a competición. No 79, na súa primeira temporada, foi nomeado o mellor xogador desa Liga das Estrelas, pero o poder do Cosmos era inmenso. Chinaglia, viña de xogar naquela Lazio das pistolas no vestiario, no “grupo salvaxe”, e trouxo a súa artillería consigo a Estados Unidos. Aínda hoxe é o máximo goleador da NASL .

Nos seus anos en Washington, Cruyff, obviamente, seguía moi por riba da media do fútbol norteamericano. No primeiro ano meteu dez goles e no seu derradeiro ano só dous pero tan só xogou 5 partidos. Cruyff foi un dos pioneiros en implantar o fútbol europeo nos Estados Unidos e foi dos poucos que fixo o camiño de volta ao vello continente. Logo de 3 temporadas en EE.UU. volveu a Holanda onde se retiraría no Feyenoord con 37 anos. Aí acaba a lenda de xogador e comeza a de adestrador. Pero esa xa é outra historia… por Estados Unidos tamén se che recorda. Boa viaxe “Fraco”.

Te puede interesar