Opinión

Os bancos pechan a billa aos partidos

Vimos de coñecer que a dupla convocatoria electoral creou graves problemas de tesouraría aos partidos, pois que os bancos estarían en xeral por prestar moito menos. O proceso ven de atrás, da concentración bancaria e desaparición das caixas, mais seica foi agravado pola resolución do Popular en xuño de 2017. O Santander, que absorbeu este Banco e á súa filial galega o Pastor non estaría polo labor de asumir risco político, quizais risco reputacional (cómore lembrar que o Santander e La Caixa lle condonaron importantes débedas ao PSOE). A duplicidade da convocatoria electoral e máis a limitación substancial do crédito xeraría problemas tan graves que mesmo fixo se activase unha liña de crédito oficial estatal do ICO dirixida ao financiamento das campañas políticas desta primavera.

Os partidos son instrumentos fundamentais para a participación política e concorren á formación e manifestación da vontade popular (artigo 6 da Constitución). Quere isto dicir que nunha sociedade democrática o sistema bancario ha financiar a actividade política e a concorrencia electoral. Que o Santander considere prescindíbel o crédito á actividade electoral dos partidos é un sinal nidio da degradación da función representativa, mesmo da soberanía popular, quer no ámbito estatal, quer no ámbito europeo ou galego, nun contexto de globalización corporativa. 

Mais tamén é certo que os partidos perden substancialmente a súa independencia no caso de depender do financiamento bancario, moito máis se esta débeda, xerada canda os procesos electorais, non se salda case automáticamente coas distintas subvencións pola obtención de votos e escaños aos partidos que obteñen representación nos Plenos municipais e nos Parlamentos. A débeda estrutural lastra aos partidos e os pon perigosamente en mans dos bancos, condicionando a súa actividade política e a súa axenda lexislativa de xeito que non colida coa daqueles, que adoitan tamén ser titulares de participacións importantes nas empresas do Ibex 35 dos lobbies da distribución eléctrica e construtor-concesional. Esta débeda estrutural dos principais partidos (do bipartidismo dinástico PSOE/PP) explica en grande medida  por que históricamente o Estado español beneficiou lexislativamente ás grandes empresas bancarias, eléctricas e construtoras-concesionais.

Xa que logo, fan moi ben os partidos que tentan ser independentes da billa do crédito bancario e aquí si que cómpre recoñecer os méritos da nova política. Mais é evidente que precisamos un crédito público que supla as carencias de financiamento para moi varias actividades sociais, económicas e políticas. Carencias xeradas pola concentración bancaria en réxime de oligopolio e que son máis graves aínda nos ámbitos rural e local. 

O que demostra, unha vez máis a necesidade dun crédito público e,  nomeadamente, dun crédito público galego.

Te puede interesar