Opinión

O reto do BNG

Ana Pontón ven de dicir que o BNG precisa alargar a súa base social para lle dar forza e continuidade ao avance electoral. Esta idea-forza constitúe, sen prexuizo das moi respectábeis consideracións persoais que poidan pairar sobre a súa decisión de abrir un tempo de reflexión, a chave política desta mesma decisión. Para a actual voceira nacional do BNG o proceso congresual que remata o vindeiro 7-N precisa achegar milleiros de persoas que votaron no 2020 BNG á propia organziación. A diferenza desta vez é a aposta porque estes milleiros non só voten, senón que participen activamente e asuman algunha caste de compromiso co proxecto soberanista.

Consolidar como seareiras milleiros de persoas votantes (moitos deles votantes doutras opcións políticas no próximo pasado) esixe dun grande esforzo de comunicación e de xeración interna de espazos de participación, moito máis se atendemos a presenza tan importante no BNG post 2009 de ideas e actitudes esencialistas e resistencialistas. Alargar a base social vai esixir moita máis transversalidade e interclasismo, moito máis diálogo e comunicación coa cidadanía e moita máis política que lle amose a estas ducias de milleiros o seu interese nun proxecto baseado na inescindibilidade do binomio + autogoberno= + benestar.

Estas ducias de milleiros están i) na xente máis nova, que arestora semella apostar no noso país polo BNG, fronte á arrepíante tendencia de moitos dos seus coetáneos noutros países do Estado e da Europa por Vox, Rassemblement Nationale (o antigo FN dos Le Pen) ou Fratelli d’Italia. Unha vantaxe que compre afortalar; ii) neses milleiros de persoas sen historia de compromiso político, mais si de compromiso e coñecemento nos eidos da cultura, deporte, empresa e no traballo social, que partillan a idea dunha Galicia xusta e moderna como referente da súa vida; e iii) nos centos que traballaron en tempos no galeguismo político, con experiencias moi valiosas na gobernanza autonómica e no traballo de goberno e oposición de moitos concellos.

O reto son as eleccións nacionais galegas de 2024, mais esa fase final ten unha previa fulcral, as municipais de 2023, onde o BNG habería consolidar os seus gobernos de vilas e cidades, mais tamén avanzar, nomeadamente no ámbito máis urbano, onde ten todo a gañar fronte ao previsíbel recuamento das marés dos Comúns e, quizais, dos gobernos socialistas, de xeito que, probábelmente, este avance electoral do BNG na Galicia urbana produza novos alcaldes e alcaldesas soberanistas que, paradoxalmente, serían os que mantiver os gobernos progresistas en varias cidades galegas fronte á enxurrada da dereita española.

Te puede interesar