Opinión

Fondos de reactivación: así non

Opinión

Fondos de reactivación: así non

Pois teño que volver a falar dos famosos fondos europeos que, como se dun Plan Marshall se tratara, mantennos a expectativa. E temos razóns sobradas para elo. Falaba eu de que unha boa parte das axudas para a recuperación e cohesión dos territorios europeos REACT-EU haberían vir para Galicia, primeiro pola parte alícuota que nos corresponde e tamén, claro, para compensar a redución económica que sofre a nosa comunidade nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021. Non me parecía desacertada a cifra de mil millóns de euros nun xusto reparto, e tamén ter acceso a uns doce mil millóns de euros do fondo Next Generation EU.

Claro, sempre que sexamos capaces de saber defender as nosas razóns nos foros onde se debaten estas cuestións. É dicir, que fagamos valer o noso “peso político”, primeiro, cos 23 deputados e deputadas que temos en Madrid e, en segundo lugar, cos representantes do Goberno Galego no Consello Interterritorial ou nos contactos bilaterais Xunta-Goberno Central. Polo que respecta a Ourense e a súa área de influencia, supoño que “o noso alcalde” levará baixo o brazo ese dossier de proxectos, peticións e necesidades a eses foros políticos e económicos onde se toman as decisións.

En fin. Non sei se será demasiado “supoñer”. Hai un mes falaba eu aquí da posibilidade de utilizar eses fondos para desenvolver o Plan Estratéxico Termal de Ourense, de retomar o gran Parque Empresarial do Val da Rabeda e ofertar solo industrial a prezos competitivos, da creación da plataforma de distribución on-line máis potente do sur de Galiza en Norte de Portugal, cun gran Centro loxístico neste espazo próximo a empresas punteiras en tecnoloxía aeronáutica, do sector agroalimentario, das cinco Denominacións de Orixe que temos aquí ao lado, de referentes internacionais no mundo da moda e confección...

“Seica” o primeiro gran proxecto galego que se beneficie destas axudas vai ser a construción da Variante Exterior do AVE en Ourense, que permitirá que os trens vaian tan rápidos que acaben por non parar en Ourense. Tempo ao tempo. Pero, imos ver; si este proxecto xa estaba previsto, haberá que facelo cos fondos que xa estaban previstos, e destinar os fondos Next Generation e REACT-EU a outros proxectos. Por que se xa estaban consignados os cartos, e algúns dos proxectos listos para adxudicar, sacando os fondos dun caixón distinto, o saldo dos fondos de “reactivación e resiliencia” e as axudas para a “recuperación e cohesión” será cero. Pois así, non.