Opinión

O morenete

No inverno, as xeadas non significan ningún problema para a agricultura. Incluso melloran a estrutura do terreo facendo que sexa máis esponxoso e permeable e facilitan o sistema radicular das plantas, e dicir, o desenvolvemento primaveral das raíces . Cousa distinta son as xeadas tardías ou de primavera, que acontecen cando as plantas comezan a despuntar, indefensas diante de importantes baixadas térmicas.

Normalmente distinguimos dous tipos de xeadas: de irradiación e de convección. Nas xeadas de irradiación, o calor acumulado pola terra durante o día pérdese nas  noites despexadas, pola ausencia de nubes que actúen como invernadoiro, escapando á radiación á atmosfera. As temperaturas estratifícanse en capas, estando as máis frías abaixo, e lixeiramente máis altas a medida que imos ascendendo de cota, ao contrario do que sucede polo día, fenómeno coñecido como inversión térmica de radiación. Por iso, xa os romanos fuxían dos fondais para plantar as cepas e establecían os viñedos en media ladeira, con temperaturas máis suaves. Chámanse tamén “xeadas brancas” pola típica aparición dese manto aparentemente nevado que tan ben coñecemos.

A medida que avanza a primavera, crecen os días, aumentan as temperaturas diúrnas e xa as noites non son tan frías, desaparecendo as xeadas de irradiación. As plantas brotan e comezan o seu novo ciclo anual. A primavera deste ano, inusualmente benigna, favoreceu un crecemento vexetativo extraordinario, con medras tres ou catro veces superiores ao normal.

Por iso que a aparición do outro tipo de xeadas, as negras ou xeadas de convección  que se producen pola chegada de frontes fríos producindo unha inversión térmica frontal, son tan temidas polas xentes do campo. Xa os maiores dicían que as cepas tiñan que atravesar catro portelos antes de dar viño: o Marquete (San Marcos, 25 de abril), o Pedrete (San Pedro Mártir o 29 de abril), o Crucete (Santa Cruz, o 3 de maio) ou o Miguelete (San Miguel, o 8 de maio)

Pois este ano, o 27 de abril, coincidindo coa festividade da Virxe de Monserrat, a virxe “Moreneta” unha  xeada de convección deixou unha terrible estela de destrución nos nosos campos, que no viñedo afecta á colleita deste ano e á pre-formación da seguinte, perda económica inmediata e risco de perda de mercado futuro que será abastecido por outros provedores. Non sei se teremos que engadir un outro portelo no almanaque: o Morenete. Éramos poucos …

Te puede interesar