Opinión

A revista Nós cumpre 99 anos: parabéns!

NOS 139-44 orixinal_resultado
photo_camera NOS 139-44 orixinal_resultado

Hai onte 99 anos saía á luz en Ourense unha revista que a pesar da súa curta vida -novembro de 1920 a xullo de 1936, sen publicar dende xuño do 23 a xullo do 25 por problemas económicos- é unha auténtica enciclopedia, xa que nas súas páxinas tiveron cabida todo tipo de escritos referidos tanto a etnografía como música, política, cultura, historia, pedagoxía, xeografía... Estamos a falar da revista Nós, boletín mensual da cultura galega, órgao da Sociedade Galega de Publicacións Nós, aínda que onte só a lembrou a Coral De Ruada. A partir de 2010, con carácter anual, o 30 de outubro é considerado institucionalmente en Ourense como o Día de Nós. Co gallo da conmemoración daquela dos primeiros 90 anos, tanto Concello como Deputación procederon á lectura dun manifesto no que se salientaba o importante papel xogado por esta revista e establecíase a data para lembrar e celebrar.

As “Primeiras verbas” naquel número 1 da revista saído do prelo dos talleres de La Región, a cargo do tipógrafo José María Cid Morenza -ao igual que os seguintes 14 números- xa deixaban claro cal ía ser o seu compromiso:

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós. É a ansia qu' oxe sinte Galizia de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patrea galega no seu xa rico poliformismo. Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, intuicionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posiciós posibles respeito das catro antinomias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo da superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos. (...). Nós conta achar agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d'iste xeito.

Aínda que a Dirección e a Redacción das revistas Nós permaneceron ao longo de todos os anos na rúa ourensá de Santo Domingo, no segundo andar do número 47, a casa de V. M. Risco, varias foron as localidades onde estivo a Administración e as imprentas para a edición dos números:

1920: Ourense, do número 1 ao 15.

1923: Pontevedra, do 16 ao 18. Logo, como xa se dixo, suspendeuse a publicación por falla de cartos

1925: A Coruña, do 19 ao 85.

1931: Santiago de Compostela. O último número con distribución foi o 139-144. O seguinte e derradeiro, o 145, non puido ser distribuído por mor do golpe de estado contra o Goberno lexítimo da II República. Xosé Ramón Fernández Oxea ‘Ben-Cho-Shey’ salvou e conservou este exemplar, que hoxe está xunto coa súa biblioteca nos fondos da Biblioteca da Deputación ourensá.

Sinalar tamén que dende o número 2 a portada eran viñetas debuxadas por Castelao, quen a partir da revista número 10 fixo un deseño que xa quedou para sempre.

Ourense tivo unha importante presencia na vida desta revista. Xunto que foi en Ourense onde nace e radicou sempre o seu enderezo, as primeiras redaccións estiveron formadas, por orde alfabética, polos ourensáns:

Gallego, Xulio, secretario de redacción; González Salgado, Leuter, redactor (meu avó); López Alonso-Cuevillas, Florentino, redactor; Lousada Diéguez, Antón, redactor (Moldes, O Carballiño); Martínez Risco, Vicente, director; Noguerol Buján, Arturo, xerente; Otero Pedrayo, Ramón, redactor; Prado Rodríguez ‘Lameiro’, Xabier, redactor xefe; Vázquez-Monjardín, Alfonso, sub-xerente.

Xunto a eles, Cabanillas Enríquez, Ramón, redactor (Cambados); R. Castelao, Daniel Alfonso, director artístico (Rianxo).

Hai que salientar tamén que entre as persoas que contan con publicacións na revista Nós 1920-1936 están os ourensáns, tamén por orde alfabética: Blanco Amor, Eduardo; Casas Blanco, Augusto María; De las Casas Blanco, Álvaro; Couceiro Freijomil, Antonio; Fernández Mazas, Cándido; Fernández Oxea ‘Ben-Cho-Shey’, Xosé Ramón; González Salgado, Leuter; López Alonso-Cuevillas, Florentino; Lorenzo Fernández, Xaquín; Lorenzo Fernández, Xurxo; Martínez Risco, Vicente, director; Montes Rodríguez, Euxenio; Noguerol Buján, Arturo; Otero Pedrayo, Ramón; Prado Rodríguez ‘Lameiro’, Xabier; Ramos Pérez-Colemán, Xohán; Rodríguez Sanjurjo, Primitivo.


Débeda histórica


A Real Academia Galega, en palabras do seu entón presidente, Sebastián Martínez-Risco, procura estar sempre atenta aos latexos do país e aos seus aconteceres históricos, pensou que a data -30 de outubro de 1970- era merecente que se conmemorase, facendo un recordo dos fundadores e daqueles que co seu esforzo puideron levar adiante a boa obra como colaboradores da mesma, motivo polo que promoveu a publicación do número 145, con traballos de colaboradores vivos naquel ano de 1971, así como con índices das primitivas revistas Nós, autores e materias.

Uns anos despois, en 1979, a Editorial Galaxia comercializou en 6 volumes unha reedición facsimilar da revista Nós, na que non se incluíu unha relación daqueles colaboradores e persoas relacionadas coa revista que foron asasinados polos fascistas tras o 18 de xullo de 1936, relación elaborada por Ben-Cho-Shey e que, segundo dixo, debería ser gravada en letras de bronce para a posterioridade.

Estas persoas foron: 

Blanco Torres, Roberto. Xornalista. Cuntis, 18.03.1891 - Corga da Videira-Entrimo, 3.10.1936.

Bóveda Iglesias, Alexandre. Funcionario. Ourense, 7.06.1903 - A Caeira-Poio, 17.08.1936.

Gómez de la Cueva, José, alcumado Joan Carballeira. Xornalista. Vigo, 13.02.1902 - Bueu, 17.04.1937.

Casal Gosende, Ánxel. Alcalde de Santiago de Compostela. Santiago, 17.12.1895 - Ribeira-Cacheiras-Teo, 19.08.1936.

Casas Rey, Víctor. Xornalista. A Coruña, 31.07.1900 - A Caeira-Poio, 12.11.1936.

Díaz Baliño, Camilo. Artista. O Ferrol, 14.07.1889 - Palas de Rei, 14.08.1936.

Forneiro Barandela, Isaac. Empregado. Ourense, 1897 - O Ferrol, 18.12.1936.

Fuentes Canal, Manuel. Empregado. Ourense, 1901 - Ponte Pequena de Paradela-Viveiro-Celanova, 16.08.1936.

López Bello, Amadeo. Mestre. Carballeda de Avia, 1904 - Poza das Ras-Ourille-Verea de Aguiar, 29.08.1936.

López Teixeiro, Modesto. Empregado. Ourense, 1910 - Ourense, 27.09.1937.

Noguerol Buxán, Arturo. Fundador de Nós. Ourense, 6.05.1892 - O Ferrol, 12.09.1936.

Quintanilla Martínez, Xaime. Alcalde de O Ferrol. A Coruña, 13.06.1898 - O Ferrol, 18.08.1936.

Agardo que o vindeiro ano 2020 todos os colectivos sociais, políticos, culturais e institucionais colaboren xuntos para que sexa unha auténtica festa o centenario de Nós. Castelao xa o deixou escrito: Non lle poñades chatas á obra namentras no se remata. O que pense que vai mal que traballe n´ela; hay sitio para todos. A importancia que tivo e ten Nós para Galicia, meréceo.

Parabéns! O remate non pode ser outro máis que o que figuraba no limiar do primeiro número: A todol-os que nos lean SAÚDE E TERRA.

Te puede interesar