Opinión

“A Morocha”

Entérome polo periódico do martes do pasamento de Dona Herminda Valeiras Corral, que con este nome moi poucos se enterarían de quen era realmente esta querida muller. E digo querida e digo ben, porque desde que eu era ben neno os días un e quince de cada mes, días de Feira en Allariz, comíase o pulpo que A Morocha vendía xunto coas súas compañeiras no alto da Barreira, fose nos bancos e mesas habilitados baixo un toldo ou fose, no caso dos veciños da Vila, levándoo para a casa para acompañalo cuns cachelos recén feitos. 

Daquelas, moi pouca xente tería pulpo conxelado no domicilio, entre outras cousas porque os frigoríficos tiñan uns conxeladores demasiado cativos para tal fin, e por outro lado, era como un ritual o de agardar pola feira para que o menú viñese feito. Pero, con permiso das outras estupendas pulpeiras que nos visitaban, A Morocha tiña fama de traer o pulpo máis saboroso e mellor mazado, e sempre era a que tiña a ringleira de clientes máis longa, aos que atendía sempre cun amplo sorriso e cunha pequena conversa de benvida, mentres cortaba as talladas con mestría.

Dicía o Obituario de “La Región” que esta muller traballou sempre, con calor e con frío, nos tórridos días de Agosto, cando había que redobrar a cantidade de pulpo para os veraneantes do País Vasco, ou nos días de permanente xeada naqueles xaneiros onde a fonte da Barreira permanecía conxelada semanas enteiras, e onde mazar ou lavar o pulpo era todo un acto de heroicidade. 

Das veces que tiven a oportunidade de actuar ou presentar actos no Carballiño, lembro unhas festas na localidade de Arcos, enterándome esa mesma noite que de aí eran as consideradas mellores pulpeiras de Galicia. Xa sei que con isto hai moita polémica e rivalidade, pero eu como sempre vou tirar para a casa, que non é outra que a miña provincia ourensá. Por suposto que esa noite de festa os compoñentes do Grupo Brasas, onde eu cantaba, ceamos un pulpo marabilloso, como non podía ser doutro xeito. E agora, cando a pandemia o permite, sigo achegándome á Vila do Arenteiro a xantar co meu amigo Carlos Portabales, e a súa familia e achegados, para dar boa conta dese manxar, que eles prefiren comer un chisco máis duro e que para min cóceno un pouquiño máis.

Encántame saber que algúns membros da familia da querida Morocha colleron o relevo e seguro que ofrecendo sempre un pulpo riquísimo, como tamén seguen os descendentes da matriarca da Churrería “Lolita” cociñando eses riquísimos churros cos que nos despertaban as nosas nais nos días das Festas de San Benito. “Morocha” e “Lolita”, que dous grandes nomes para dúas grandes mulleres que son exemplo deso que agora dase en chamar empoderamento da muller. Elas non sabían o que era iso, pero asegúrovos que o próximo sábado, 1º de Maio, Día Internacional do Traballo, recordarei a estas e a outras miles de mulleres galegas que axudaron naqueles tempos a facer País, e que lles transmitiron aos seus o amor polo traballo ben feito.

Na túa honra querida Herminda Valeira, Morocha, comerei ese día unha consistente ración de pulpo, que unha vez máis levará o meu maxín a aqueles tempos que volvía da escola todo contento para gozar do voso manxar. E iso sí, nada de auga, que dicían que facía daño co pulpo, mellor un vasiño de viño con gaseosa co que nos criamos todos os da miña xeneración, e co que  brindarei por ti e por todas as pulpeiras. 

Te puede interesar