Opinión

Agostando por ourense

Esta semana, pasada por auga na costa galega, non quedou máis remedio que reinventar as vacacións e facer cousas que mesmo poderían parecer anacrónicas, como coller o coche en Cangas e ir xantar a Ourense capital, xa que é a única maneira de enterarte de que realmente estás no mes de agosto. Deixo a Ría de Vigo chea de brétema e orballo e chego á cidade das Burgas cun sol fantástico e cunha temperatura marabillosa. E de paso aproveito para xantar e poñerme ao día co meu amigo Manoel Carrete, Técnico de Emigración da Deputación, no Restaurante “El Coto” da Rúa Reza, onde nos sentimos como na casa, co engadido de que á hora dos postres somos convidados a coñecer o novo e precioso “Oca IMI Hotel & Spa”, ubicado xusto ao lado, facendo a entrada por onde tantas veces entrei de rapaz para comprar o billete do “Villalón” que me levaba a Allariz cando estudaba nos Maristas. Podedes imaxinar a sensación tan morriñenta que sentín, recordando aqueles primeiros e flamantes “Setras” que alí ao lado aparcaban, agardando por todos os estudantes e traballadores que nos moviamos diariamente neles cara Allariz, Maceda, Xinzo ou Verín.

Tamén me agradou ver novamente, facía moitos anos que non pasaba por esta rúa, o Bar “Pepinillo”, onde cando che sobraba algo da paga semanal mercabas un dos seus saborosos bocadillos de xamón, que daquelas, e imaxino que hoxe tamén, sabían a gloria. Quero crer que este templo dos bocatas seguirá rexentado por algún familiar do sempre recordado propietario do establecemento. Non esquezo que un dos seus fillos estivo nun campamento de verán onde eu estaba de monitor, non sei se na Lanzada ou en Porto do Son, onde eu lle rompín o mastro a miña primeira guitarra levando un disgusto considerable.

O ceo ourensán, atípico este verán.

Gustoume moito dar un paseo de sobremesa polas rúas ourensás sen apenas xente, había meses que con isto da pandemia non o facía. Vin con desgusto que finalmente os donos da cadea hoteleira “Barceló” non quixeron incluir “San Martín” nas letras que coroan o emblemático establecemento hoteleiro, unha pena para todos os que vivimos moitos momentos felices nese estupendo edificio, cantando no seu restaurante ou mesmo habitando nun dos seus preciosos áticos. Despois diso non deixei de ser cliente fiel nos primeiros anos de “Supermartes” cando vivía en Santiago, nos que escapaba cara Ourense en canto podía, e elexía unha daquelas suites estupendas desde as que gozaba do rebulir da cidade por toda a rúa do Paseo e do Parque de San Lázaro. Teño que dicir que o persoal de recepción e dirección sempre me facían un prezo estupendo polos moitos anos de música e baile que cada sábado amenizamos no seu restaurante.

E do que sí me alegrei nesta rápida visita ao meu Ourense querido, foi ver a caseta de obra ubicada na parte traseira do edificio da Deputación, que indica que pensa estar alí ata que atopen a suficiente auga quente para dunha vez por todas ter na cidade un marabillo hotel balneario de luxo, que lle dea sentido a eses carteis da autovía que convidan aos forasteiros a visitar a nosa “Capital Termal”.

O dito, cando vivía en Ourense nunca se me ocurriría pasar un día de agosto polas súas rúas, e menos se o termómetro do Parque marcaba 45 grados, pero nesta ocasión pagou a pena facelo, e penso seguir coas rutas pola nosa provincia mentres este tempo de invernía nos siga chafando na costa este verán tan atípico.

Te puede interesar