Opinión

Ao director Pepe Carballeira

Sempre que me referín a él nestas páxinas fíxeno co apelativo cariñoso de “Director Eterno”, por iso case non crín de todo a nova de que o meu director se xubilaba. 

Xosé María Carballeira leva de director da Universidade Laboral desde 1982, aínda que él chegara coma min no ano 75. A última vez que o vin foi no cariñoso video no que colaborou para o programa que a TVG quixo dedicarme. Ollo! non como despedida, senón como punto e seguido, porque en canto mo permitan as miñas hematólogas penso seguir dando a lata moito tempo. E aproveito estas liñas para dicirlles a todas as persoas que preguntan por min que vou evolucionando moi ben e que lle dou gracias infinitas por interesarse pola miña saude.

A última vez que estiven con Pepe foi nun evento do Colexo Oficial de Arquitectos de Galicia titulado “Olladas na Rúa”, exercendo de anfitrións polo impresionante edificio da Universidade Laboral falando de arquitectura e gabando á que foi a nosa casa durante tantos anos; máis no caso de Xosé María ao que soamente lle faltou unha litera para botar as vintecatro horas do día nese apaixoante mundo da educación que él tanto ama. 

Non é Xosé María home de moitas palabras, pero sí de moitos xestos que o din todo, e detrás dun aparente hermetismo hai unha persoa comprensiva, dialogante e eficaz. E digo eficaz porque “lidiar” cun centro das características da UNI ao longo de tantos anos soamente é “faena” para o mellor dos “destros”. Houbo tempos convulsos que él soubo levar cunha man esquerda que moi poucos son quen de ter; tempos de folgas, reivindicacións e cambios que un director ten que ir resolvendo con templanza e sabedoría; labor non sempre fácil de levar ao ter que ser portavoz das máis ou menos xustas demandas de alumnos e profesorado e negociar coas posturas da Administración de turno.

Este sábado hai unha Xuntanza de antigos alumnos e será o momento de homenaxear a quen foi o noso director tantos anos; eu non poderei estar físicamente pero sí que estarei co pensamento e recordando os moitos momentos compartidos, tal como vos contei no meu artigo dedicado a quen tamén foi un compañeiro e amigo de Xosé María, o sempre recordado José Luis Llamas, que non dubido estará moi presente neses actos de homenaxe e confraternidade. E dos moitos momentos felices vividos na UNI lembro especialmente cando este meu director fixo todo o posible para que eu puidese compaxinar o meu labor educativo no Internado coas clases de Ética e Filosofía que impartín durante uns cursos e que me permitíu coñecer a outra parte da docencia, a das aulas, na que aprendín moito e rápido da man da profesora Geni Viétez que foi sempre para min un referente filosófico e pedagóxico.

Tampouco esquecerei o labor divulgativo do meu director, xa que a través do traballo do profesor Primitivo Iglesias, hoxe alcalde da Pastoriza en Lugo, e con quen compartín piso e miles de tarxetas cheas de vocábulos, vivín intensamente a creación dos fantásticos diccionarios de Galego de Xeráis dos que Xosé María foi tamén alma máter.

Eu quixen pechar a miña etapa de “laboreiro” coa celebración do 40 Aniversario, e hoxe sábado, coa xubilación de Xosé María Carballeira péchase outra gran etapa deste Centro que tanto queremos. Feliz xubilación Pepe e gracias por ter estado aí, querido amigo.

Te puede interesar