Opinión

Arte e beleza en Allariz

XardndosEstudantesdeAllariz.jpg_web
photo_camera XardndosEstudantesdeAllariz.jpg_web

Hai uns días tiven o pracer de visitar o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que tras o parón do ano pasado chega á súa undécima edición. E faino co título tan fermoso de “Xardíns da Poesía”, nuns momentos nos que, como soaba a mítica canción de Golpes Bajos, son “malos tempos para a lírica”.

Pero na miña Vila pensaron con razón e acerto que sempre son excelentes tempos para a arte e para a beleza, e aquí está este internacional “Poetry Gardens” con proxectos chegados desde lugares tan alonxados entre sí como Colombia, Austria, Madrid, Italia, China, Portugal, Alemaña, e por suposto Galicia, sen faltar á cita o gañador da edición anterior, deseñado por estudantes vieneses; e o realizado polos estudantes da Vila, inspirándose na danza tradicional do “Entrenzado” que se baila en Allariz desde tempos inmemoriais, e que o gaiteiro universal Carlos Núñez recreou nunha magnífica peza musical. Un fermoso xardín que evidentemente non entra no concurso no que poden votar todos os visitantes.

Tiven o privilexio de facer a visita nun mediodía de sol fantástico, acompañado pola Concelleira de Turismo, María López, que tivo a deferencia de facerme unha visita guiada, pedagóxica e poética por todos os xardíns a competición. E agradézollo enormemente porque de todos é sabido que cada día somos máis remisos a ler a información que se nos facilita en exposicións, museos, concertos ou, como neste caso, exhibicións de arte, cultura e natureza, perdendo unha parte importantísima do que temos diante dos ollos, por non entender ás veces que significan todos e cada un dos elementos que compoñen as obras pensadas polos autores e desenroladas, cun intenso e excelente traballo, polos equipos técnicos municipais, que desde a súa primeira edición tiveron moi presente o de “crear un espazo para observar, pasear e gozar, de xeito innovador e ilusionante”; palabras fermosas extraídas da presentación que reflicten perfectamente o que temos diante dos ollos e dos oídos, porque os sons das fontes, do río, dos estanques e dos paxaros son o complemento perfecto para que realmente nos sintamos como se estivésemos diante dun marabilloso libro de poemas que nos vai levando desde Rosalía ou Emily Dickinson ata Pessoa ou Xela Arias, a gran muller á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Tiven o pracer nalgunha das edicións de presentar o acto inaugural do noso Festival de Xardíns, como este ano fixo o amigo e ex-alcalde Paco García, e sentinme moi orgulloso e emocionado, por ser na miña querida patria da nenez e a adolescencia, e o lugar a onde acudo cada semana para sentir, como sempre sentín, as miñas orixes, esas que che marcan toda unha vida, sentindo que as pedras das rúas empinadas que hoxe pisan milleiros de visitantes son as nosas pedras, as mesmas onde aprendemos a andar, a montar en bicicleta, a darnos trompazos, ou a correr por elas diante dese Boi que tanto botamos de menos nestes anos de pandemia.

Sei que moitos dos que amablemente estades lendo estas liñas xa coñecedes o meu pobo, e xa visitastes nesta ou noutras edicións o Festival de Xardíns, pero por se acaso queda algún despistado, e tamén para os que queiran repetir, aí segue o río Arnoia agardando por vós, sendo fiel e eterno testigo da beleza que medra cada ano ás súas beiras, unha beleza da que nos sentimos orgullosos e que chega desde o Arnado ata o alto do Castelo.

Te puede interesar