Opinión

O berro de “Tanxugueiras a Turín”

As “preeurovisivas” Tanxugueiras.
photo_camera As “preeurovisivas” Tanxugueiras.

Pois si, aí empezou todo, con aquel berro que din no “Bamboleo” de “Tanxugueriras a Eurovisión” e que logo repetín ata a saciedade na Radio Galega co meu compañeiro de fatigas Damián Cortés. E fixémolo na presentación de “Figa”, o último single publicado por este marabilloso trío de mulleres que levan namorando sen parar a toda Galicia e en breve a toda España e parte do estranxeiro.

Estiven agardando para enviar o meu artigo ao periódico ata última hora para confirmar, onte venres pola mañá, o que xa me filtraran os meus amigos “eurofáns”, que “Tanxugueiras” estaban seleccionadas para competir no Festival de Benidorm do próximo mes, onde se elexirá a canción que representará a España en Eurovisión 2022 a celebrar en Turín.

As “preeurovisivas” Tanxugueiras.

Xa soamente co feito de que en Benidorm soe unha proposta en galego, e de calidade, xa é como para estar dando chimpos, pero se entre todos conseguimos que o noso idioma se escoite en toda Europa, cunha audiencia de millóns de telespectadores, iso xa sería a repanocha. E pódeno conseguir estas tres mulleres que entraron nas nosas vidas cal furacán de aire fresco, boas vibracións, risas a esgalla e calidade musical, e que responden aos nomes de Olaia Maneiro, Aída Tarrío e Sabela Maneiro; tres rapazas que chegaron para revolucionar o panorama musical galego, mesturando de xeito maxistral a música tradicional coa música máis actual, chegando a públicos de toda clase e condición, e sobre todo chegando a ese público que non acababa de escoitar ou asistir aos concertos de música en galego; soamente hai que ver as terribles enquisas que saíron publicadas estes días sobre o consumo de música en galego por parte da xente máis moza deste País, como para botar a chorar.

Estou feliz e orgulloso; levo amplificando moitos anos o meu desexo de que se faga pop en galego, o mesmo que se fai rock, ou música tradicional e popular; evidentemente non son “Tanxugueiras” as primeiras en facelo, aínda que entrasen cunha forza inusitada no panorama musical; aí estiveron moito antes artistas que deixaron a pel nos escenarios introducindo temas que no seu día foron auténticos bombazos, desde Andrés do Barro ou Juan Pardo ata “Goma 2”, Xil Ríos ou Os Resentidos, porque non esquezamos que “O Tren”, “Corpiño Xeitoso” ou “Galicia Canival” triunfaron en toda España e mesmo foron números un; e o “Xirarei” do cantante moañés mesmo estivo a piques de ser preseleccionado para Eurovisión coa súa versión en castelán que ao amigo Xil non lle gustaba nada. 

Pero nesta ocasión falamos de que un tema en galego con pandereteiras e cantantes galegas pode representarnos no Eurofestival, e iso son palabras maiores; no ano 68 non lle deixaron ao gran Serrat cantar o “La La La” en catalán e declinou ir ao Festival, sendo substituído por Massiel que o gañaría en Londres; e as nosas “Tanxugueiras”, cando eu lles insistía na Radio Galega que deberían presentarse, dixeron que “ou en galego ou nada”, e a min pareceume fantástico.

Estou convencido de que se Galicia enteira votou en masa para aupar a Lucía Pérez ao escenario de Düsseldorf, este noso País volverá estar aí para o que faga falta. Evidentemente, mentres escribo, non teño nin idea de como será a composición que “Tanxugueiras” leven a Benidorm, pero se vai na liña dos dous últimos singles, “Midas” e “Figa”, e cunha posta en escea sorpresiva e potente, non vai haber quen se lle poña por diante.

Te puede interesar