Opinión

Cheste

Non teño demasiada afección polo mundo das motos, nin sequera dos coches en circuitos de velocidade, aínda que de neno me erguera ás tres da madrugada para ver a saída de etapa do Rally de Ourense diante da miña casa de Allariz. Estou convencido de que aqueles Alpines ou Alpinches que me alucinaban fixeron que anos máis tarde mercara un Toyota Celica con lixeiro parecido ó que pilotaba Estanislao Reverter.


Pero digamos que ata aí chega a miña afección pola velocidade. O feito de que cada vez que conectan co circuito de Cheste para un gran premio de motor me sorprenda pasmado diante do televisor, obedece a que estou agardando a que algún plano de cámara me devolva a imaxe daquel Paraninfo da Universidade Laboral onde me permitiron sementar o que anos despois fructificaría como a miña carreira de comunicador ou, como din cariñosamente os meus amigos de Allariz, de showman.


Pois cada vez que as motos de Valentino Rossi ou Dani Pedrosa dan unha volta completa eu agardo ver a columnata do Paraninfo e recordar, como fixo o meu amigo Felipe Estévez a semana pasada cando me entregaba en Vigo a insignia de ouro do Conservatorio Mayeusis, as veces que alí, a mil quilómetros da casa, xa cantaba en galego; ou cando saín por primeira vez na TVE oficiando o acto de clausura do curso escolar naquel Olimpo da educación valenciano chamado Centro de Orientación de Universidades Laborales.


Seguramente, visto cos ollos de hoxendía, aquel macrocentro podería ser considerado un despropósito total e absoluto, co que o réxime franquista presumía no estranxeiro de ter ós fillos dos traballadores das Españas vivindo e educándose a corpo de rei, mentres o resto dos institutos non tiñan presuposto nin para tizas. Pero os que alí estivemos e soubemos espremer o moito que nos ofrecía Cheste, temos que agradecer boa parte do que somos agora. Eu, á parte de estudar duro, puiden facer o que sempre quixen, cantar acompañado de músicos en directo, coordinar un xornal escolar, facer os primeiros ‘pinitos’ en radio escolar, presentar espectáculos ou organizar o meu ‘Cesta y Puntos’ particular, facendo que competisen todos os meus compañeiros. Todo isto con catorce anos era un auténtico luxo para o fillo dun ferreiro e dunha modista de Allariz. Nunca poderei agradecerlle a Cheste o moito que significou para min, aínda que volvera das vacacións de Nadal cos ollos chorosos ata ben pasadas as Portillas do Padornelo.


Nese centro entendín que a educación era algo máis ca unha aula ou unhas notas. Entendín sobre todo algo que tratei de contaxiarlle despois ós meus alumnos: que un día da para moito sabendo aproveitalo; evidentemente con moitas menos doses de televisión, videoxogos ou chateos en internet. Da para superar os cursos sen problemas, da para xogar cos amigos, para practicar afeccións e, como non, naquel entón daba para xogar a ser máis libres, fumando xogándote o tipo, ou pasando ás agachadas a archisobada revista que circulaba de habitación en habitación. O prohibido tamén tiña o seu encanto. E daquelas, a sociedade era unha continua prohibición. Pero en Cheste, por se fora pouco, ata os curas eran xa tan modernos que pasaban ámplamente da confesión privada e entendían que na adolescencia o corpo anda a mil por hora, e convertían a igrexa con forma de pratillo voante nun lugar de culto divertido e tolerante. E total, soamente pasaron trinta e tantos anos. Toma nota Ratzinger.



Te puede interesar